O Concello da Coruña lembra a obriga de manter limpas as parcelas para previr incendios forestais

O Concello da Coruña vén de remitir cartas informativas ás persoas titulares de parcelas situadas no termo municipal para recordarlles a súa obriga legal de manter os terreos limpos e libres de biomasa, tal e como establece a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, “a adecuada xestión da biomasa —é dicir, os residuos vexetais, a maleza e as especies arbóreas prohibidas— por parte das persoas propietarias é un elemento clave para protexer as infraestruturas, os equipamentos sociais, as zonas edificadas, os parques e os polígonos industriais fronte aos incendios”. Neste sentido, Neira salientou a importancia de realizar estas tarefas antes da chegada do verán, época de maior risco de incendios.
No marco do compromiso do goberno de Inés Rey coa protección ambiental e a seguridade da veciñanza, o Servizo de Medio Ambiente incluíu nas cartas remitidas a referencia catastral da parcela, así como unha ortofoto obtida do visor de Información Xeográfica da Xunta, onde se pode visualizar con claridade a zona afectada. As persoas destinatarias tamén poden consultar os datos das súas parcelas a través da web do Catastro e a delimitación exacta das faixas obrigatorias no visor da Xunta.
O prazo máximo para realizar estas tarefas remata o 31 de maio, polo que desde o Concello instan ás persoas que aínda non xestionaron a biomasa das súas leiras a que o fagan canto antes e o comuniquen ao Rexistro municipal.
A administración local agradece a colaboración de quen cumpre cada ano coa normativa e lembra que adoptará todas as medidas legais necesarias para garantir que se realice unha xestión axeitada da biomasa. Esta iniciativa reafirma, unha vez máis, o compromiso do goberno municipal coa loita contra o cambio climático e coa defensa do territorio coruñés.