O Concello da Coruña lanza unha campaña para garantir a convivencia entre hostalería e veciñanza

ACoruñaXa
Celebrouse un segundo espazo de diálogo entre o sector da hostalaría e as entidades veciñais
ocio-corunha
6 May 2025

O Concello da Coruña celebrou a segunda reunión da mesa de traballo co sector hostaleiro e entidades veciñais, un espazo de diálogo presidido pola alcaldesa Inés Rey que busca “buscar puntos de encontro entre o sector e os veciños co obxectivo de mellorar a convivencia”.

Durante a sesión, que tivo lugar no Palacio Municipal de María Pita, o Goberno local presentou a proposta dunha campaña de sensibilización para aumentar a concienciación cidadá arredor do dereito ao descanso da veciñanza. Trátase dunha resposta directa ao aumento das chamadas por ruídos: “no que vai de ano se recibiron na Policía Local 230 chamadas relativas a ruidos xerados por locais de hostalería ou no seu entorno”.

Ademais, tanto hostaleiros como representantes veciñais expuxeron diversas propostas que serán estudadas polo Goberno municipal nas vindeiras semanas “co obxectivo de avaliar a súa idoneidade e viabilidade”. Como parte dos acordos alcanzados, tamén se decidiu a constitución dunha mesa técnica para “estudar a modificación da actual normativa”.

A alcaldesa destacou “o bo clima no que se están a celebrar as reunións e a vontade de todas as partes de achegar posturas nun asunto que preocupa tanto a veciños como a hostaleiros”.

Acompañando a rexedora estiveron membros do seu equipo de goberno: Yoya Neira (Medio Ambiente e Distrito 1), Gonzalo Castro (Cultura e Turismo), Francisco Díaz Gallego (Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda), Diana Cabanas (Emprego, Comercio e Mercados) e Montserrat Paz (Seguridade Cidadá), xunto cos directores das distintas áreas implicadas.

No encontro participaron representantes da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña, a Agrupación de Veciños Orzán-Pescaría, a Asociación de Veciños da Cidade Vella e a Asociación A Marina – Zona Centro. Tamén asistiron colectivos do sector hostaleiro como a Asociación de Empresarios de Hostalería, a Asociación en Defensa dos Dereitos da Hostalería e o Ocio Nocturno, Galicia de Noite e responsables de locais das zonas con maior actividade nocturna da cidade.

 

⚙ Configurar cookies
0.18716812133789