O Concello da Coruña lanza en directo o podcast ‘Fóra de Guion’ nas Naves do Metrosidero para promover o pensamento crítico na mocidade

ACoruñaXa
O primeiro episodio celebrarase o 27 de novembro ás 19.00 horas cun encontro sobre o uso e abuso do xogo en liña
A CORUÑA podcast fora de guion
25 Nov 2025

O Concello da Coruña pon en marcha ‘Fóra de Guion’, un novo formato de podcast en directo con público e gravación profesional dirixido á mocidade de 12 a 30 anos. A iniciativa nace coa intención de crear espazos de diálogo, reflexión e aprendizaxe sobre asuntos de relevancia social mediante entrevistas, dinámicas participativas e interacción tanto presencial como dixital ao longo de 2026.

O primeiro episodio terá lugar o 27 de novembro nas Naves do Metrosidero nun evento aberto ao público. A sesión estará centrada no impacto do xogo en liña e nos límites entre ocio, abuso e adicción. O creador Oveyanejra exercerá de presentador e manterá unha conversa co tamén creador de contidos Santiago Caamaño, coñecido como Champi Muros, quen compartirá a súa experiencia persoal e profesional arredor desta temática. A entidade Agalure achegará a perspectiva técnica en materia de prevención e tratamento de condutas adictivas, contribuíndo a orientar o debate coas persoas asistentes.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que este novo espazo ‘demostra que as institucións tamén podemos conectar coa mocidade desde os seus formatos e linguaxes, falando de temas complexos con honestidade, rigor e cercanía’. Subliñou ademais o compromiso municipal por ‘ofrecer alternativas de lecer responsables que fomenten o pensamento crítico fronte ás mensaxes simplificadas ou enganosas que circulan nas redes’.

Durante 2026, o ciclo continuará abordando cuestións como o bullying, o consumo de substancias, o benestar dixital ou a igualdade de xénero. Cada episodio combinará testemuños persoais, visións profesionais e propostas de mellora, contando con influencers, expertas e entidades especializadas da cidade. As sesións incluirán xogos e preguntas en tempo real, ademais da difusión posterior de clips en Instagram, TikTok e YouTube para reforzar as campañas municipais. O ciclo pecharase cun especial sobre ética e influencia nas redes sociais.

A entrada será libre ata completar aforo. Ao finalizar a gravación, o público poderá interactuar coas persoas convidadas e coas entidades colaboradoras.

⚙ Configurar cookies
0.072633981704712