O Concello da Coruña lanza el concurso escolar “A voz do Coliseum” para animar ao Leyma Coruña

O Concello da Coruña, en colaboración co Club Básquet Coruña, vén de poñer en marcha unha nova iniciativa educativa e deportiva dirixida ao alumnado de 5.º e 6.º de primaria dos centros escolares da cidade. Trátase do concurso “A voz do Coliseum”, que busca implicar á rapazada na creación de cánticos orixinais para animar ao equipo Leyma Coruña.
O prazo de inscrición abriu este luns 22 de abril e permanecerá aberto ata o xoves 25. Os centros interesados poden formalizar a súa participación a través da web municipal de Educación. A proposta desenvolverase nas semanas seguintes e culminará cunha gran final durante un partido oficial no Coliseum, onde as creacións seleccionadas serán interpretadas en directo ante a afección coruñesa.
Desde a área de Educación destacan que o obxectivo da iniciativa é achegar o deporte á escola como ferramenta educativa e integradora, promovendo valores como a cooperación, a creatividade e a identidade local. A actividade enmárcase dentro do programa “Paixón Laranxa” e busca tamén fortalecer o vínculo entre o club e as futuras xeracións de seareiros e seareiras.
Durante os días 5 e 6 de maio, o alumnado participante acudirá ao Polideportivo de Riazor para asistir a un adestramento do equipo. Alí, interpretarán os seus cánticos, que serán gravados e posteriormente sometidos a votación nas redes sociais do club. Cada proposta poderá incluír instrumentos como bombos, tambores ou megáfonos, sempre mantendo un ton respectuoso e inclusivo.
A final celebrarase o 17 de maio, coincidindo co encontro entre o Leyma Coruña e o Morabanc Andorra. A decisión sobre o cántico gañador combinará un medidor de decibeis no Coliseum coas votacións nas redes sociais, sumando ambas partes o 50 % da puntuación final.
A clase gañadora recibirá a visita do equipo ao seu centro educativo, onde poderán compartir a súa creación e gozar dunha xornada de convivencia arredor do deporte. O colexio tamén será premiado cun lote de material oficial do club e recoñecido publicamente nas canles do Básquet Coruña.