O Concello da Coruña inviste no primeiro semestre de 2025 na renovación da rede de saneamento

Durante os primeiros seis meses deste ano, o Concello da Coruña desenvolveu unha serie de actuacións para mellorar a rede municipal de saneamento, centradas na substitución de tubaxes antigas e na optimización do sistema de recollida de augas.
Segundo o contrato de conservación e mantemento da infraestrutura, os traballos estendéronse por varios barrios como Monte Alto, o Ensanche, A Zapateira, o Castrillón, Os Mallos, Riazor e Someso, así como no polígono industrial de Agrela e nos núcleos de Feáns e Nostián. O obxectivo principal foi renovar e substituír colectores para previr fugas e mellorar o funcionamento da rede.
Este 2025, as intervencións realizaronse en rúas como Suevia, Marsella, Pintor Villar Chao e avenidas como a da Habana, dos Mallos, do Ferrocarril, San Luís, Pedroso e Mendaña de Neyra. Actualmente, continúase traballando en zonas como Juan Flórez e Nostián, onde as obras supoñen un investimento de 230.000 euros.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, sinalou que “o contrato de conservación e mantemento permítenos actuarmos con máis celeridade alí onde hai unha necesidade máis urxente. Nos últimos anos, vimos traballando para modernizar a rede de saneamento sabendo que hai distritos onde as tubaxes son máis antigas ou os seus materiais son máis susceptibles á deterioración, como os colectores de gres”.
A folla de ruta do Concello pasa pola retirada progresiva destas tubaxes antigas e a súa substitución por outras de PVC, “máis resistentes e con maior grosor”. Ademais, sempre que é posible, estase a ampliar a rede separativa para as augas residuais e pluviais, o que facilita a súa separación na orixe.
Entre as novas infraestruturas destaca a creación de redes de saneamento nos Cantóns, o Barrio das Flores e a Agra dos Mallos, proxectadas para aproveitar a construción dunha nova vía que comunicará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo. “Como xa é habitual nestes casos, antes de pavimentar a calzada da nova vía e habilitar as beirarrúas, instalamos as novas tubaxes de saneamento, que axudarán a facer máis eficiente a rede municipal neste sector do barrio”, explicou Noemí Díaz.
Estas obras forman parte do compromiso do Goberno local coa modernización das infraestruturas e a mellora continua dos servizos públicos.