O Concello da Coruña inviste máis de 800.000 euros na mellora de 13 centros educativos este verán

ACoruñaXa
No CEIP Víctor López Seone remataron as obras da súa pista multideporte, recentemente reformada
centros-educativ-corunha
4 Aug 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, visitaron o CEIP Víctor López Seoane para supervisar as obras xa rematadas na súa pista multideporte, recentemente reformada tras varios meses de intervención.

Os traballos, que contaron cun investimento de máis de 260.000 euros, incluíron a demolición do antigo pavimento e a súa substitución por unha nova superficie de xogo. Tamén se renovaron os valados laterais, deteriorados polo paso do tempo, a salinidade e as condicións meteorolóxicas, e instalouse un novo peche no sector norte da parcela.

A alcaldesa destacou a importancia da obra no marco da colaboración continua entre o Concello e os centros educativos coruñeses: “As melloras nestes centros educativos da Coruña son froito da colaboración entre áreas municipais como Educación, Edificación e Infraestruturas”. Neste sentido, agradeceu “o traballo conxunto entre as concellarías e os servizos implicados”.

No caso do Víctor López Seoane, tamén se cedeu un espazo de aproximadamente 100 metros cadrados procedente das antigas instalacións do persoal de conserxería, que foi acondicionado polos obradoiros municipais de emprego. “Desta forma, no curso que vén xa poderán usarse como zona de descanso para os/as máis pequenos/as, tamén para actividades extraescolares”, sinalou Rey.

Investimentos en 13 centros educativos

A intervención neste centro de Monte Alto insírese nun plan máis amplo de actuacións municipais nos colexios da cidade. Segundo informou o Concello, este verán estanse a executar ou xa se remataron obras por valor de máis de 800.000 euros en 13 centros educativos: CEIP Víctor López Seoane, Cidade Vella, Rosalía de Castro, Zalaeta, Labaca, Emilia Pardo Bazán, Salgado Torres, Raquel Camacho, María Pita, Manuel Murguía, Torre de Hércules, Sagrada Familia e Curros Enríquez.

Entre as actuacións máis destacadas atópanse a renovación da instalación eléctrica no CEIP Curros Enríquez (150.000 euros), a mellora da accesibilidade no CEIP María Pita (150.000 euros), a renovación da área de xogos infantís no CEIP Emilia Pardo Bazán (62.700 euros) e a substitución do peche perimetral do CEIP Zalaeta (42.000 euros), prevista para setembro.

Inés Rey insistiu en que "escoitar os centros educativos da cidade e as súas demandas forma parte do noso compromiso coa comunidade docente, as familias e o alumnado", e engadiu: “O Concello sempre apoiará unha educación pública e de calidade, e iso esixe atender as infraestruturas e necesidades dos colexios. Agardamos que a Xunta tamén o teña claro e achegue o seu gran de area neste sentido”.

⚙ Configurar cookies
0.20736789703369