O Concello da Coruña inviste en melloras na accesibilidade e infraestrutura na Agra do Orzán

ACoruñaXa
Nos próximos días comezarán os traballos de mellora no tramo de Manuel Deschamps que conecta coa rolda de Outeiro
corunha-agra-do-orzan
4 Jun 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou as recentes actuacións de mellora de accesibilidade levadas a cabo entre Peruleiro e a rúa Barcelona, no barrio da Agra do Orzán. Trátase dun conxunto de obras cofinanciadas con fondos europeos Next Generation, cun investimento total próximo aos 600.000 euros.

As intervencións centradas nas rúas Almirante Mourelle, Julia Minguillón, Fanny Garrido e un tramo de Manuel Deschamps permitiron renovar as redes de saneamento, ampliar as beirarrúas e mellorar notablemente a mobilidade peonil. Entre as medidas adoptadas destacan a colocación de pavimentos diferenciados para facilitar a circulación de persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.

Segundo destacou Inés Rey durante a visita, “estas actuacións no barrio eran necesarias, especialmente pola súa configuración urbana, das máis compactas da cidade. A Agra do Orzán é un distrito denso, onde gañar superficies peonís e mellorar a súa accesibilidade é fundamental. É o que fixemos nesta zona do barrio, facilitando, por exemplo, o paso de persoas en cadeira de rodas ou os carriños das crianzas”.

A alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, que salientou a renovación das canalizacións como unha prioridade nestas intervencións. “Un aspecto que hai que ter moi en conta porque a rede da Agra é das máis antigas da cidade. Paso a paso, imos adaptándoa ás necesidades actuais”, apuntou.

Nova fase en Manuel Deschamps

Ademais, Rey anunciou que nos próximos días comezarán os traballos de mellora no tramo de Manuel Deschamps que conecta coa rolda de Outeiro, unha actuación demandada pola veciñanza e que non estaba incluída no proxecto financiado con fondos europeos.

“Aínda así, e dado que a nosa intención é transformar o barrio no seu conxunto, darémoslle agora prioridade a esta actuación no resto da rúa Manuel Deschamps, que suporá un investimento engadido de 260.000 euros”, explicou a alcaldesa.

Con esta nova fase, o investimento total do Concello na Agra do Orzán superará o millón de euros. A actuación súmase ás xa executadas nos últimos meses, como a mellora da accesibilidade entre Peruleiro e a rúa Barcelona, a humanización parcial da rúa Agra do Orzán e a renovación das infraestruturas de saneamento na rúa Ramón García Aller.

 

⚙ Configurar cookies
0.43167591094971