O Concello da Coruña iniciou os traballos de restauración do Cruceiro de Labañou
A semana pasada, o Concello da Coruña deu comezo aos traballos de desmontaxe do Cruceiro de Labañou, unha peza histórica declarada Ben de Interese Cultural (BIC). A intervención cumpre cunha longa demanda dos veciños e veciñas do barrio e permitirá restaurar o cruceiro para garantir a súa preservación durante os próximos anos.
A restauración, cun orzamento de 14.000 euros, inclúe a reparación de elementos danados e a mellora do estado de conservación. Os traballos centraranse na limpeza do cruceiro, eliminación de vexetación e microorganismos, e a aplicación de métodos para previr a súa proliferación futura. Tamén se abordará o restablecemento dos elementos decorativos, así como a nivelación e mellora da superficie onde se asenta a estrutura.
O proceso de restauración inclúe o desmonte e traslado das pezas do cruceiro a talleres especializados, onde se procederá á súa clasificación e restauración antes de ser reinstaladas. A intervención está a ser coordinada por Rocío Barreiro Lopo, restauradora graduada pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
Ao finalizar as obras, a restauración será avaliada pola dirección xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, en cumprimento dos requisitos para os bens catalogados como BIC.
A concelleira de Mobilidade e Infraestruturas, Noemí Díaz, destacou a importancia da intervención: “O Goberno de Inés Rey recupera así unha peza que fala da historia do barrio e da Coruña, avanzando na preservación do noso patrimonio cultural e histórico”.
O Cruceiro de Labañou, declarado Ben de Interese Cultural, ten unha orixe que se vincula a dous factores históricos. Por un lado, á instauración dos canons iconográficos trentinos tras o Concilio Provincial de Compostela en 1565, e por outro, ao afianzamento do franciscanismo laico da Venerable Orde Terceira na Coruña entre 1673 e 1834. Ambos os feitos contribuíron á expansión dos cruceiros na cultura popular galega, convertendo estas estruturas en símbolos clave do imaxinario relixioso da época.