O Concello da Coruña inicia nova tempada de educación ambiental na praia de Riazor este luns

ACoruñaXa
Ademais de xogos divulgativos ideados para a rapazada, tamén se habilitará un servizo de préstamo de libros de contido medioambiental, que poderán usar as persoas usuarias das praias ao longo da xornada
Imaxe da praia de Riazor
1 Xul 2024

O Concello da Coruña inicia este luns 1 de xullo a súa nova tempada de actividades de educación ambiental na praia de Riazor, unha iniciativa impulsada desde a área de Medio Ambiente co obxectivo de implicar a cidadanía no coidado dos espazos públicos e naturais cunha perspectiva interxeracional.
A programación, que se estenderá durante os meses de xullo e agosto, desenvolverase na caseta de Medio Ambiente habilitada a carón do posto de salvamento da praia de Riazor máis próximo á Coiraza do Paseo Marítimo.

Desta forma, durante os vindeiros dous meses, tanto pequenos coma adultos poderán gozar de sesións lúdicas de carácter divulgativo, como ‘As aves mariñas e os plásticos’, orientada a concienciar sobre o impacto derivado da actividade humana e a importancia da reciclaxe e a deposición correcta dos refugallos, ou ‘As cadeas tróficas e a contaminación no mar’, nunha liña de actuación semellante á do obradoiro anterior.

Ademais, e en colaboración coa rede de Bibliotecas Municipais, na caseta de Medio Ambiente abrirase un servizo de préstamo de libros de contidos medioambientais. As persoas usuarias das praias poderán achegarse ao recinto para solicitalos e darlles uso e lectura durante a súa estadía nos areais, ao longo da xornada.

A alcaldesa, Inés Rey, convidou a cidadanía a participar nas actividades previstas, abertas a todas as idades e con acceso de balde. “Programas como este contribúen a concienciar sobre a importancia de coidar o que nos arrodea, interiorizando hábitos diarios cos que, todas e todos, podemos facer deste mundo un sitio mellor”, apuntou.

As actividades, en horario de mañá e abertas a toda a cidadanía

No mes de xullo, as actividades de educación ambiental terán lugar todos os luns, mércores e venres do mes, en horario de 11.00 a 15.00 horas. Tamén se habilitarán dúas xornadas extra, os martes 23 e 30 de xullo. Xa en agosto, está previsto ampliar a programación a máis días da semana. Durante todo o mes, a caseta de Medio Ambiente abrirá as súas portas de luns a venres, tamén de 11.00 a 15.00 horas.
A caseta non estará habilitada os días 25 de xullo e 15 de agosto, por ser días festivos.

0.1854190826416