O Concello da Coruña inicia as obras de construción de 50 vivendas no barrio de Xuxán

ACoruñaXa
Serán destinadas ao alugueiro social co obxectivo de ampliar a oferta de vivenda pública na cidade
barrio-xuxan
5 Feb 2025

A alcaldesa de Coruña, Inés Rey, e a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, asistiron ao inicio das obras para a construción dun novo edificio de alugueiro social no barrio de Xuxán, que albergará 50 vivendas na parcela Z-37, de titularidade municipal. Esta actuación, que supón un investimento de 10,2 millóns de euros, ten como obxectivo ampliar a oferta de vivenda pública na cidade, fronte ao encarecemento do mercado inmobiliario.

O proxecto conta cun 25 % de financiamento a través dos fondos Next Generation, un total de 2,4 millóns de euros. As obras, que foron adxudicadas á empresa Citanias, teñen un prazo de execución de 24 meses.

A alcaldesa destacou a importancia de seguir traballando na creación de vivenda pública accesible e fixo fincapé na necesidade de colaboración interadministrativa para frear a escalada de prezos no sector. "Garantir o dereito a unha vivenda digna debe ser unha prioridade, e este proxecto supón un paso fundamental para ofrecer solucións ás persoas que máis o necesitan", afirmou.

A ministra Isabel Rodríguez subliñou tamén o apoio do seu departamento na obtención de recursos europeos para fomentar a construción de vivendas sociais, tanto a nivel municipal como en colaboración con outras administracións.

A parcela Z-37, que ocupa unha superficie de 1.600 metros cadrados, terá un total de 50 vivendas, das cales unha quinta parte serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida, superando así os mínimos esixidos pola normativa. Ademais, o edificio contará con 104 prazas de aparcadoiro, 12 delas adaptadas, e tamén se incluirán prazas para motos e espazos para patinetes eléctricos, co obxectivo de impulsar a mobilidade sostible.

A posta en marcha desta nova infraestructura avanza no proceso de desenvolvemento do barrio de Xuxán, que xa viu melloras significativas coas obras de urbanización realizadas no ano pasado. Estas incluíron a creación dunha praza central, novas conexións peonís e de tráfico co barrio de Matogrande, ademais de espazos públicos como o parque infantil da rúa Longarela. O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, resaltou que este investimento é o máis elevado en décadas en materia de vivenda pública na cidade.

0.064864158630371