O Concello da Coruña inicia a renovación do saneamento na rúa Juan Flórez

Comezan as obras promovidas polo Concello da Coruña para mellorar a rede de saneamento na rúa Juan Flórez, no treito comprendido entre os cruzamentos con Menéndez Pelayo e Nicaragua, no barrio do Ensanche. A intervención, que se prolongará ata o 14 de agosto, consistirá na substitución das antigas canalizacións de augas residuais por novos colectores de PVC, máis anchos, resistentes e seguros.
A actuación enmárcase no contrato municipal de mantemento e conservación, que permite acometer este tipo de obras sen recorrer a novos procedementos de licitación. Trátase dunha intervención de carácter urxente, ao detectarse a rotura dun colector que require reparación inmediata.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, subliñou que “o noso obxectivo é modernizar a rede de saneamento con materiais máis seguros e resistentes fronte ao paso do tempo e á erosión”, e explicou que se están a substituír “as vellas tubaxes de gres por outras feitas a base de PVC, tamén máis anchas”.
A edil lembrou que esta actuación forma parte do plan progresivo de renovación de infraestruturas impulsado polo Goberno municipal de Inés Rey, que avanza por distritos segundo a antigüidade e o estado da rede. “As intervencións en Juan Flórez son outro paso máis no plan de traballo que temos establecido, que engloba traballos tamén en marcha na contorna da Sardiñeira e dos Mallos”, indicou Díaz.
A obra dividirase en dúas fases con afeccións ao tráfico:
Fase 1 (8 a 21 de xullo): intervirase na intersección de Juan Flórez con Menéndez Pelayo.
Fase 2 (22 de xullo a 14 de agosto): afectará á zona de estacionamento e a un carril de circulación na rúa Juan Flórez á altura de Menéndez Pelayo.
Durante o desenvolvemento dos traballos, estableceranse desvíos e sinalizacións específicas para minimizar o impacto na mobilidade, segundo o plan aprobado pola área de Mobilidade.
A intervención súmase ás actuacións que o Concello está a executar noutros puntos da cidade, como no núcleo de Nostián, onde se destinan máis de 230.000 euros para ampliar a rede de recollida de augas existente.