O Concello da Coruña inicia a renovación do pavimento do polideportivo de Labañou
O Concello da Coruña comezará esta semana os traballos de mellora no polideportivo municipal de Labañou, situado na estrada dos Fortes, 3. Esta instalación, que dá servizo a clubs e deportistas en disciplinas como o tenis, baloncesto ou fútbol sala, contará cun pavimento deportivo de última xeración tras quince anos de uso intensivo da actual superficie.
Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, destacou que esta actuación responde ás demandas das persoas usuarias: "Priorizamos esta intervención porque mellorará notablemente as condicións do pavillón". As obras incluirán o levantamento da superficie actual, a instalación dunha lámina antihumidade que optimizará o mantemento e a adherencia, e a colocación dun pavimento vinílico de 6,2 milímetros con mellores propiedades biomecánicas.
Tras a reforma, o polideportivo de Labañou cumprirá cos estándares europeos e os certificados internacionais da FIBA para baloncesto e da IHF para balonmán. Con esta actuación, o goberno liderado por Inés Rey avanza no seu plan de mellora das infraestruturas deportivas municipais, que tamén inclúe a redacción dun Plan Director para definir as necesidades futuras da cidade neste ámbito.
O polideportivo de Labañou, cunhas dimensións de 20x40 metros e capacidade para 230 espectadores, representa unha das máis de cen instalacións deportivas baixo titularidade e mantemento do Concello da Coruña.