O Concello da Coruña informa sobre os cambios viarios e melloras vinculadas á estación intermodal

ACoruñaXa
Reconfigurarase o tráfico en varias rúas do barrio e garantirase a seguridade peonil co novo carril bici na avenida da Sardiñeira
Imaxe da avenida da Sardiñeira na Coruña
16 Jul 2025

O centro cívico dos Mallos acolleu un encontro informativo no que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, presentaron ás persoas residentes no barrio os principais cambios e actuacións de mellora asociados á construción da estación intermodal. Durante a sesión, explicáronse con detalle os aspectos técnicos das obras, co obxectivo de resolver as dúbidas existentes na veciñanza dos Mallos e da Sardiñeira.

Un dos puntos centrais foi comunicar a reconfiguración dos sentidos de circulación en catro rúas: Francisco Catoira, Mariana Pineda, Borrallón e un treito de San Rosendo. Esta medida responde á transformación da avenida da Sardiñeira nunha vía de sentido único cara á rolda de Outeiro, o que obriga a buscar novas alternativas para facilitar a entrada ao barrio e mellorar a permeabilidade do tráfico rodado. A rúa Francisco Catoira cambiará totalmente de sentido e converterase nun novo acceso desde a rolda de Outeiro, sumándose así á rúa San Luis. Tamén se modificarán os sentidos das rúas Mariana Pineda, Borrallón e unha parte de San Rosendo para optimizar a conectividade e os fluxos de tráfico interior.

A concelleira Noemí Díaz destacou que estes cambios permitirán redirixir o tráfico por rúas paralelas á Sardiñeira, mellorando a circulación e gañando seguridade viaria. Precisou tamén que o novo carril bici da avenida da Sardiñeira discorrerá separado da beirarrúa, a diferente nivel, para evitar interaccións entre ciclistas e persoas viandantes. A súa ubicación, na beira próxima ás vivendas, busca mellorar a accesibilidade, a visibilidade dos garaxes e afastar os vehículos das saídas residenciais.

No referente ao estacionamento, o Concello decidiu que as prazas se situarán na beira máis próxima á intermodal para aumentar o número de prazas e mellorar a seguridade dos accesos. Amais, garantiuse que a construción do novo vial de conexión entre a Sardiñeira e a avenida de Arteixo, na Agra dos Mallos, non suporá a perda das prazas de estacionamento entre a escola infantil e o pavillón polideportivo, que seguirán habilitadas. Este novo vial, cun investimento de 2,1 millóns de euros, achegará unha conexión viaria necesaria e permitirá gañar espazos públicos, con novas beirarrúas, un treito adicional de carril bici e un acceso directo á explanada de estacionamento.

A alcaldesa, Inés Rey, subliñou que estas actuacións buscan ofrecer unha solución equilibrada, respondendo ás necesidades de novas conexións coa intermodal e coa avenida de Arteixo, mellorando unha das principais entradas á cidade.

⚙ Configurar cookies
0.17890501022339