O Concello da Coruña impulsa unha iniciativa para concienciar ao alumnado sobre o coidado do océano

O Concello da Coruña desenvolve por primeira vez o programa educativo “Do mar á clase e da clase ao mar”, unha proposta de educación ambiental mariña destinada a alumnado de 5º e 6º de educación primaria. Esta experiencia piloto, en marcha desde o mes de abril, chega a oito centros escolares da cidade.
Esta mañá, o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, achegouse ao obradoiro que tivo lugar na praia do Orzán, unha das actividades programadas co CEIP Zalaeta. A visita realizouse no marco do seguimento institucional do programa, para coñecer de primeira man o seu desenvolvemento e o traballo realizado co alumnado.
“O contacto coa natureza e o coñecemento da nosa contorna son ferramentas esenciais para educar en valores de respecto ambiental. Este programa representa un avance na incorporación da educación mariña ao currículo escolar, en liña co compromiso do Goberno de Inés Rey coa sostibilidade e coa educación de calidade”, sinalou o concelleiro.
A iniciativa, promovida en colaboración coa cooperativa galega sen ánimo de lucro 13 Grados, inclúe dúas sesións complementarias: unha na aula e outra na contorna natural. Na primeira, “Mergullando desde a clase”, o alumnado explora o mundo submarino galego a través de recursos visuais e dinámicas participativas que permiten coñecer a biodiversidade mariña e a importancia da súa conservación. Nesta sesión tamén reciben o libro-guía “Alén do azul”, que servirá como material de apoio para traballos posteriores na aula.
Na segunda actividade, “Ondas de plástico”, o alumnado trasládase á praia máis próxima ao centro para identificar rastros naturais e refugallos, reflexionar sobre a pegada humana no litoral e participar nunha acción de ciencia cidadá rexistrando residuos na plataforma Surf Rider.
Unha vez rematado o programa, está prevista a elaboración dunha memoria final conxunta coas achegas de todos os centros participantes, coa finalidade de compartir coñecementos e propostas de acción en materia de conservación mariña.
As actividades continuarán ata finais de maio, cunha planificación adaptada á dispoñibilidade de cada centro e coa vontade de consolidar esta proposta nos próximos cursos escolares.