O Concello da Coruña impulsa un ciclo de educación ambiental nos centros cívicos

O Concello da Coruña segue reforzando a oferta de actividades nos centros cívicos municipais coa posta en marcha dun ciclo de educación ambiental. Os días 27 de febreiro, 5 e 13 de marzo, organizaranse tres actividades gratuítas pensadas para fomentar o respecto pola biodiversidade, o coidado de mascotas e as boas prácticas para protexer o planeta desde o fogar.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, destacou a importancia de "estender a educación ambiental a todas as franxas de idade". Segundo explicou, "desde o Concello facemos un gran traballo coas actividades educativas nos centros escolares, pero é necesario transmitir que o coidado da contorna, que en definitiva é o coidado do planeta, é responsabilidade de todos". Por iso, os talleres están abertos a toda a cidadanía.
A primeira actividade terá lugar no centro cívico de Monte Alto o xoves 27 de febreiro ás 18.30 horas. Tratarase dunha charla sobre o coidado de mascotas, abordando temas como a tenencia responsable, a mellora do benestar dos animais, as posibilidades de adopción e a nova lexislación para persoas propietarias de cans, gatos e outros animais domésticos. A charla está dirixida tanto a persoas con mascotas como a quen estea pensando en adoptar unha. Ademais, complementarase cunha visita posterior ao centro municipal de acollida de animais.
A segunda actividade, centrada na biodiversidade, permitirá aos asistentes aprender sobre as aves que habitan na cidade, como identificalas e a súa contribución ao equilibrio natural. O ciclo dividirase en dúu partes: o mércores 5 de marzo haberá unha conferencia no Centro Cívico de San Diego e, posteriormente, organizarase unha saída de observación ao Monte de San Pedro con prismáticos e guías de campo.
Por último, o xoves 13 de marzo, no centro cívico de Monelos, expertos en educación ambiental ofrecerán unha charla na que os asistentes poderán aprender a importancia de coidar o planeta desde as súa propias casas. Proporcionarán consellos prácticos sobre aforro de auga e enerxía, redución de residuos, reciclaxe e consumo responsable.
Toda a información sobre as actividades estará dispoñible na web municipal e nos centros cívicos. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 981 903 834 ou enviando un correo a educacionambiental@coruna.gal.