O Concello da Coruña impulsa a renovación e modernización dos Centros Cívicos Municipais

ACoruñaXa
Destaca a importancia destes espazos como centros de convivencia fundamentais para a vida dos barrios
apg_20250317_ALCALDESA_CANOSA_LAGE_PLAN_RENOVACION_CC_MUNICIPAIS
17 Mar 2025

A alcaldesa, Inés Rey, presentou o novo Plan de renovación dos Centros Cívicos Municipais, unha iniciativa para modernizar todas as instalacións abertas á cidadanía nos barrios da cidade, adaptándoas ás súas necesidades e mellorando as infraestruturas e equipamentos. Acompañada pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, Rey explicou que este plan se porá en marcha no primeiro semestre do ano e se desenvolverá en dúas fases cun orzamento total de tres millóns de euros.

A alcaldesa destacou a importancia destes espazos como centros de convivencia fundamentais para a vida dos barrios e subliñou a necesidade de darlles un novo pulo a través da súa rehabilitación. Como parte desta estratexia, as primeiras actuacións centraranse nos centros cívicos de Labañou, San Diego, O Castrillón, Santa Lucía e Os Rosales, que serán os primeiros en someterse a melloras para actualizar e adaptar instalacións que, en moitos casos, levan máis de dúas décadas en funcionamento.

As intervencións comezarán no Centro Cívico de Labañou, onde se investirán máis de 700.000 euros en melloras estruturais, incluíndo a cuberta, o sistema de iluminación, ventilación e illamentos. No caso do Centro Cívico de San Diego, renovarase a fachada, melloraranse os sistemas de evacuación e realizaranse actuacións no interior do edificio cun investimento superior aos 200.000 euros. No barrio do Castrillón, ademais da rehabilitación do centro cívico, a biblioteca tamén será obxecto de melloras, como a renovación das cubertas, pavimentos e sistemas de climatización na sala infantil, cunha achega de máis de 340.000 euros. O Centro Cívico e a Biblioteca dos Rosales tamén serán reformados, destacando a impermeabilización da cuberta do edificio cun orzamento de 313.000 euros. Ademais, na escalinata de Santa Lucía acometeranse actuacións de impermeabilización e renovación das instalacións eléctricas e contraincendios, así como melloras no local social veciñal, cun investimento de 150.000 euros.

A segunda fase do plan contará cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros e porase en marcha tras a finalización da primeira. Rey subliñou que cada centro cívico ten necesidades específicas e que se abordarán as intervencións en función das urxencias de cada un deles.

No marco das accións municipais vinculadas aos centros cívicos, tamén deu comezo o programa Maiores en Plena Forma 2025, destinado a fomentar o benestar, a saúde e a integración activa das persoas maiores mediante unha oferta variada de actividades. O programa, que se desenvolverá ata a última semana de maio, inclúe propostas como ximnasia, ioga, mindfulness, obradoiros temáticos e visitas culturais. Levarase a cabo en diferentes centros cívicos municipais, permitindo ás persoas participantes escoller as opcións que mellor se adapten ás súas necesidades e intereses.

 

⚙ Configurar cookies
0.044585943222046