O Concello da Coruña impulsa a primeira edición do programa de residencias artísticas

O Concello da Coruña fai públicas as bases da primeira edición do programa de residencias artísticas da cidade, co obxectivo de dotar de espazos e apoio loxístico ao tecido cultural. “Trátase dun programa pioneiro na cidade para a posta en valor da creación cultural, sumándose a outras iniciativas do Goberno de Inés Rey para a dinamización do sector, como as bolsas de creación artística ou o bono cultura”, destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
As residencias están dirixidas a creadores, colectivos e investigadores, así como a compañías profesionais vinculadas ás artes escénicas, tanto de ámbito local, autonómico, nacional como internacional. Con todo, terán prioridade aqueles creadores ou compañías con sede na Coruña e a súa área metropolitana, co obxectivo de potenciar o tecido cultural local.
As residencias levaranse a cabo ao longo de 2025 nos recintos xestionados polo IMCE, incluíndo a Casa Museo Pablo Picasso, o auditorio do Teatro Rosalía de Castro, o Fórum Metropolitano, a Sala O Túnel do Coliseum e o Centro Sociocultural Ágora, onde se poderán utilizar as aulas 6, 7 e 8 xunto co auditorio. De forma excepcional, poderanse habilitar outras instalacións.
As solicitudes poderanse presentar a partir deste venres, 7 de febreiro, durante un prazo de 15 días hábiles. As persoas e compañías interesadas poderán presentar a súa solicitude de forma telemática a través da sede electrónica, dirixida ao IMCE, ou presencialmente no Rexistro do IMCE, situado na Avenida da Mariña (Casa Paredes), número 18, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas.
TIPOS DE RESIDENCIA E DURACIÓN
A convocatoria establece diferentes modalidades de residencia segundo a procedencia e o domicilio fiscal dos solicitantes (A Coruña e a súa área metropolitana, resto de Galicia, outras comunidades autónomas ou estranxeiro) e segundo a tipoloxía: residencias de creación e investigación, dirixidas á exploración, investigación e desenvolvemento de proxectos en fase de conceptualización. Duración máxima de 15 días laborables, continuos ou alternos. Residencias artísticas, enfocadas ao desenvolvemento de proxectos xa iniciados, proporcionando espazo para experimentación e ensaios. Duración máxima de 10 días laborables, continuos ou alternos. E residencias técnicas, para a fase final dos proxectos, centradas no uso de recursos técnicos en espazos escénicos para a proba e realización de deseños técnicos (iluminación, son, escenografía, etc.). Duración máxima de 5 días laborables continuados.
As residencias desenvolveranse respectando os ciclos habituais dos recintos. As xornadas poderán ser en horario de media xornada (09.00 a 15.00 horas ou 16.00 a 20.30 horas) ou de xornada completa (09.00 a 14.00 horas e 16.00 a 20.00 horas) de luns a venres. O uso dos auditorios estará limitado a un máximo de 5 días, podendo combinarse co uso das aulas.