O Concello da Coruña habilitará unha nova parada de bus urbano na rúa Notariado

ACoruñaXa
Decidiuse ante os fluxos de mobilidade provocados polos recentes cambios nas liñas 3 e 7 do servizo de autobuses urbanos
parada-bus-notariado
29 Jul 2025

O barrio do Ensanche contará nos vindeiros días cunha nova parada de transporte urbano, situada na rúa Notariado, ao carón do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Así o anunciou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, quen explicou que a decisión chega tras analizar os fluxos de mobilidade provocados polos recentes cambios nas liñas 3 e 7 do servizo de autobuses urbanos.

A modificación do trazado destas liñas responde á reurbanización da rúa San Andrés, o que levou a que ambos percorridos gañasen presenza no Ensanche. Ante esta nova realidade, o Goberno local decidiu crear unha parada que dea cobertura ás persoas usuarias que utilizan esta zona como punto de saída ou destino habitual.

A parada localizarase no lateral do edificio xudicial con saída á rúa Notariado e ocupará unha superficie de 18 metros, que será debidamente sinalizada con pintura horizontal. Ademais, instalarase un poste informativo coas liñas que farán parada neste punto, incluíndo o mapa correspondente do servizo.

“Seguimos traballando para adaptarmos o mapa do transporte urbano á nova realidade da cidade. No caso da nova parada que se delimitará na rúa Notariado, habilítase mentres non se defina o percorrido definitivo das liñas, que se veu modificado polas últimas intervencións en San Andrés e os Cantóns”, explicou Díaz.

⚙ Configurar cookies
0.16561698913574