O Concello da Coruña habilita unha nova parada de bus para mellorar o acceso á estación

Desde este 27 de febreiro queda habilitada, polo Concello da Coruña, unha nova parada de autobús no número 14 da avenida do Ferrocarril, co obxectivo de facilitar a chegada e saída de persoas usuarias á nova estación provisional de ferrocarrís. A medida, impulsada polo Goberno de Inés Rey en coordinación coa Compañía de Tranvías, busca mellorar a seguridade viaria e fomentar o uso do transporte público para acceder á estación.
A nova parada substituirá á situada na entrada da estación de San Cristovo (parada 100) e dará servizo ás liñas 5 e 12-A en sentido saída da cidade. "Desde que comezaron as obras da estación intermodal, estamos traballando para facilitar a experiencia da cidadanía nesta etapa transitoria", destacou Noemí Díaz, concelleira de Infraestruturas e Mobilidade.
No caso da liña 5, o seu percorrido manterase sen cambios, xa que xa realizaba parada na avenida do Ferrocarril. Os autobuses desta liña empezarán a operar na nova localización desde este venres. Pola súa banda, a liña 12-A modificará lixeiramente o seu traxecto, avanzando pola avenida do Ferrocarril ata a nova parada e cambiando de dirección na glorieta da estación provisional antes de retomar o seu percorrido habitual pola rúa Xeneral Rubín.
Ademais, para evitar retencións e problemas de tráfico na entrada á estación, ADIF instalará barreiras na contorna da glorieta da estación provisional, impedindo o estacionamento irregular que poida obstaculizar o xiro dos autobuses.