O Concello da Coruña finalizou os traballos de reurbanización da rúa Ponte
O Concello da Coruña finalizou os traballos de reurbanización da rúa Ponte, que conecta a rúa Alcalde Marchesi coa praza da Cubela, entre os barrios de Catro Camiños e A Gaiteira.
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou a conclusión das obras que supuxeron a remodelación completa da rúa cunha notable mellora da accesibilidade da contorna.
Logo das obras a rúa Ponte pasou a estar configurada en formato de plataforma única, con beirarrúas máis amplas para facilitar o tránsito das e dos peóns, unha das demandas máis solicitadas polos veciños e veciñas da contorna. Ademais, para a calzada e a beirarrúa contan con pavimentos diferenciados garantindo a seguridade e visibilidade do enclave.
A rexedora lembrou que dende o Concello xa se realizaran outras intervencións na mesma liña en diversas rúas do barrio, como a rúa Rianxo ou Petín. “Modificamos a circulación do tráfico rodado en sentido único, gañando espazo para ampliar as zonas de tránsito peonil” sinalou.
Deste xeito, o Concello completa un novo tramo da Rolda Peonil, que prevé conectar o parque de San Diego co futuro parque do Observatorio: “Este mesmo ano comezaremos coa primeira fase de humanización da rúa Sagrada Familia que completará o total da Rolda” explicou a alcaldesa.
Os traballos dividíronse en dúas fases, primeiro no sector oeste, na contorna da praza da Cubela, coa ampliación e renovación da beirarrúa lindeira ao pavillón polideportivo do CEIP San Francisco Javier, onde tamén se dou novo paso peonil elevado para reforzar a seguridade dos transeúntes na conexión entre a praza da Cubela e a pista de patinaxe de Elvira Bao Maceiras.
Logo, no treito da rúa Ponte onde conflúen as prazas Oito de Marzo e José González Dopeso, douse forma a un pequeno bulevar onde calzada e percorridos peonís se fusionaron nun pavimento axedrezado de cores grises.
A pasada semana levouse a cabo a colocación das árbores e mobiliario urbano, delimitando o espazo entre tráfico rodade e paso peonil. A este respecto, co obxectivo de promover o calmado do tráfico rodado, tamén se dispuxeron ramplas no acceso e saída da rúa.
A reurbanización da rúa Ponte completarase coas melloras previstas nas inmediacións da rotonda de Alcalde Marchesi con rua Posse. Dita actuación levarase a cabo en función das condicións meteorolóxicas.