O Concello da Coruña finaliza as obras de renovación do firme en varias vías da cidade

O Concello da Coruña rematou os traballos de mellora do firme na zona das Lagoas, a estrada de Circunvalación e as avenidas de Hércules e Pedro Barrié de la Maza, unha intervención que supuxo un investimento total de 350.000 euros. Estas actuacións forman parte do plan municipal de conservación e mantemento das calzadas impulsado polo goberno de Inés Rey.
Nos vindeiros días, completaranse os últimos traballos, que inclúen a posta a cota das tapas de sumidoiro e o pintado da sinalización horizontal da vía.
Máis prazas de estacionamento no tramo entre a Domus e As Lagoas
Unha das melloras máis significativas foi a eliminación dos antigos raís do tranvía no tramo entre a Domus e a estrada de Circunvalación. Coa nova capa de aglomerado sobre os raís, eliminouse un punto negro para a circulación, especialmente en días de chuvia.
Ademais, a actuación permitiu reorganizar o tráfico na zona: mantense un carril de circulación cara á rotonda da estrada de Circunvalación e habilitouse un novo espazo de estacionamento en liña, unha medida que busca dar resposta á demanda de prazas nos arredores do Aquarium Finisterrae e da Domus.
Novas actuacións a partir de marzo
O Concello continuará co seu plan de mellora do firme noutras zonas da cidade a partir de marzo, priorizando aquelas áreas cun maior volume de tráfico ou onde as intervencións sexan máis urxentes.
“Hai puntos da cidade cun fluxo diario máis intenso e outros percorridos onde predominan os camións de carga. Isto inflúe na planificación das obras, pero o noso obxectivo é actuar en todos os distritos cunha visión global e atendendo ás demandas veciñais”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Entre as próximas actuacións previstas están a renovación do firme na rotonda das Paxariñas coa rúa José Miñones, en Elviña; a rúa Severo Ochoa e o camiño do Bosque, en Agrela; a rúa San Xoán, en Monte Alto; e a avenida da Habana, no tramo entre Cidade Xardín e Riazor.