O Concello da Coruña entrega as licenzas de venda ás cooperativas escolares do Proxecto Semente

O Salón de Sesións do Palacio de María Pita acolleu o acto de entrega das licenzas de venda ás 16 cooperativas escolares participantes na 18ª edición do Proxecto Semente, unha iniciativa municipal que busca fomentar o espírito emprendedor e os valores da economía social entre o alumnado de Primaria da cidade.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu o evento acompañada pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas. Durante a súa intervención, Rey salientou a importancia de programas como Semente, que “recoñecen o esforzo e a ilusión do alumnado ao longo de todo o curso na creación dos seus proxectos emprendedores, sentando as bases para futuras edicións”.
Nesta edición, participan 97 nenos e nenas de oito centros educativos coruñeses, acompañados por 17 docentes. Cada cooperativa recibiu a súa licenza oficial de venda, que lles permitirá comercializar os seus produtos o vindeiro 24 de maio no mercado de San Agustín, en horario de 10.30 a 14.30 horas.
Ao longo do acto, os representantes de cada cooperativa tiveron tamén a oportunidade de presentar os seus proxectos ao resto de compañeiros e compañeiras, demostrando o traballo colaborativo, a creatividade e a aprendizaxe práctica adquirida durante o curso.
O Proxecto Semente, que botou a andar no curso 2007/2008, leva xa implicado a máis de 5.000 escolares da cidade, promovendo a creación de 273 cooperativas escolares en dezaoito edicións. A través de módulos formativos, o alumnado aprende a organizarse, tomar decisións de forma democrática, elaborar produtos, deseñar campañas de promoción e planificar vendas, sempre baixo principios de igualdade, sustentabilidade e responsabilidade social.
A alcaldesa concluíu destacando que “proxectos coma este amosan o compromiso do Concello cunha educación baseada en valores e cunha formación práctica que contribúe á construción dunha cidadanía activa e consciente”.