O Concello da Coruña convocará 125 novas prazas de emprego público en 2025

ACoruñaXa
O Goberno local cede catro parcelas ao IGVS, co obxectivo de facilitar a construción de 120 vivendas
corunha-oferta-publica
23 Apr 2025

O Concello da Coruña vén de aprobar na Xunta de Goberno Local unha nova Oferta Pública de Emprego (OPE) que contempla a convocatoria de 125 prazas ao longo do ano 2025. A alcaldesa, Inés Rey, destacou que esta medida “permitirá reforzar o cadro de persoal municipal nos diversos servizos existentes, mellorando a atención á cidadanía e fortalecendo áreas estratéxicas da administración local”.

Das prazas aprobadas, 52 serán de acceso libre, 67 destinaranse á promoción interna e outras 6 cubriranse pola quenda de mobilidade na categoría de policía local. A convocatoria inclúe postos para técnicos e técnicas de administración xeral, auxiliares administrativos/as, persoal de xestión, servizos sociais, Museos Científicos, Bibliotecas Municipais e o corpo de Bombeiros, entre outros.

Un dato que salientan desde o Concello da OPE 2025 é que máis do 30 % das prazas están vinculadas aos servizos municipais de seguridade e emerxencias, aplicando a taxa máxima de reposición permitida pola lei, do 125 %. Ademais, reservaranse catro prazas de acceso libre para persoas con discapacidade, como mostra do compromiso do Concello coa inclusión no emprego público.

“Apostamos por unha administración moderna, preparada e próxima, que garanta servizos públicos de calidade. Por iso seguimos a reforzar o emprego público como motor de benestar e de oportunidades”, sinalou a rexedora.

Cesión de terreos ao IGVS para vivenda pública

Na mesma sesión, o Goberno local aprobou definitivamente a cesión gratuíta de catro parcelas de titularidade municipal ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), co obxectivo de facilitar a construción de 120 vivendas de promoción pública na cidade.

As parcelas cedidas están situadas nos Rosales, no Ensanche e na zona de Pedro Fernández, na contorna da Pasaxe. Segundo informou Inés Rey, estas vivendas destinaranse ao alugueiro protexido, unha das prioridades en materia de vivenda da cidade. “Facilitamos así o acceso á vivenda a moitas familias, ampliando o parque residencial público nun contexto de alta demanda e prezos elevados”, explicou.

O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, precisou que 70 vivendas se construiran nos Rosales, entre 35 e 40 no lugar de Pedro Fernández, e arredor de 15 na contorna da praza da Porticada.

Con estas medidas, o Concello da Coruña reforza a súa aposta polo emprego público e polo acceso á vivenda como eixes fundamentais da política municipal de benestar e desenvolvemento sostible.

⚙ Configurar cookies
0.14843010902405