O Concello da Coruña colabora na organización da volta Friday Mobility Night

ACoruñaXa
Un evento da asociación Galicia Rollers para fomentar novas formas de mobilidade sostible na cidade
friday-corunha
26 Mar 2025

O Concello da Coruña colabora unha vez máis coa asociación Galicia Rollers na organización da Friday Mobility Night, un evento pensado para fomentar as novas formas de mobilidade sostible nas rúas da cidade, co uso dos patíns como unha das alternativas ao transporte tradicional. Esta actividade forma parte do compromiso do Goberno local coa mobilidade verde e a mellora dos espazos urbanos.

A cita será este venres 28 de marzo, e arrincará ás 21.30 horas desde a explanada do Pazo dos Deportes de Riazor, que será tanto o punto de saída como a meta desta ruta nocturna. O percorrido levará aos participantes a través de diferentes rúas e vías ciclables da cidade, comezando no barrio de Labañou, pasando polo Millenium, a renovada rúa de Santo André, e o paseo marítimo ata chegar á icónica Torre de Hércules.

No segundo treito do percorrido, a ruta baixará pola rúa da Torre, a avenida do Metrosideiro e as Ánimas, pasando pola praza de María Pita, a Mariña e Méndez Núñez. Finalmente, o evento rematará cunha volta polo interior do Ensanche, ata regresar ao Pazo dos Deportes de Riazor. O mapa completo da ruta está dispoñible na páxina web do Concello.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, animou á cidadanía a sumarse á actividade e destacou a boa acollida que esta iniciativa tivo nas pasadas edicións. Díaz afirmou que "o Concello, en colaboración con Galicia Rollers, continúa apostando pola mobilidade sostible e interxeracional, ofrecendo alternativas de transporte que coidan do medio ambiente e melloran a calidade de vida nas nosas rúas".

A edil tamén lembrou que, baixo o mandato da alcaldesa Inés Rey, A Coruña continúa a expandir a súa rede de percorridos e vías ciclistas, que xa superan os 50 quilómetros de percorrido. Ademais, o sistema municipal BiciCoruña, que conta con 49 estacións operativas, tamén está a crecer de forma progresiva, contribuíndo á accesibilidade e á sustentabilidade no transporte urbano.

 

⚙ Configurar cookies
0.75679707527161