O Concello da Coruña cedeu ao  CEIP Víctor López Seoane un espazo para actividades extraescolares

ACoruñaXa
Desde o centro mostráronlle ao edil o seu agradecemento ao Concello pola cesión deste  espazo
Juan--Ignacio-Borrego-no-Ceip-Victor-lopez-seoane-coruña-2025
23 Jan 2025

O Concello da Coruña vén de ceder esta semana ao  CEIP Víctor López Seoane, a través da Consellería de Educación, un espazo de  aproximadamente 100 metros cadrados que se empregarán para actividades  extraescolares. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan  Ignacio Borrego, supervisou esta mañá estas novas instalacións, que ata o de agora tiñan a  función de vivenda do persoal de conserxería. O edil foi recibido pola directora do centro,  María Carmen Franco.

“O Goberno de Inés Rey segue escoitando aos centros da cidade e garantindo melloras nas  súas instalacións, indo máis alá das competencias municipais coa fin de garantir unha  educación pública de calidade”, indicou Borrego. A instalación conta de ata tres estancias  que serán reconvertidas en espazos educativos como, por exemplo, aulas sensoriais ou  culinarias, unha cociña equipada e un baño completo.

Desde o centro mostráronlle ao edil o seu agradecemento ao Concello pola cesión deste  espazo, que permitirá mellorar diferentes actividades educativas e comunitarias que se  imparten no CEIP Víctor López Seoane e beneficiará directamente ao alumnado, ás súas  familias e ao entorno escolar.

Por outra banda, xa están en marcha as obras de mellora da pista multideporte do CEIP  Víctor López Seoane. Juan Ignacio Borrego aproveitou a súa visita ao centro para supervisar os traballos, que dan continuidade ao plan de mellora nas infraestruturas  educativas posto en marcha polo Goberno de Inés Rey.

Esta intervención supón a demolición do firme actual da pista, xa en marcha. Acometerase,  posteriormente, a súa renovación, cun novo pavimento.A esta actuación sumarase,  ademais, a instalación dun novo peche da parcela no sector norte do centro educativo, así  como a substitución dos pechamentos laterais que hai na actualidade, unha medida  necesaria ante a oxidación dos valados, por mor do paso do tempo e o impacto da  salinidade e a meteoroloxía adversa.

O Concello, que adxudicou as obras á empresa Jardinerías Arce, investirá máis de 266.000  euros para completar as melloras previstas.

0.15534806251526