O Concello da Coruña avanza no plan de melloras de accesibilidade en 16 paradas de autobús

O Concello da Coruña está a desenvolver estes días o plan de melloras de accesibilidade en 16 paradas do servizo de transporte urbano da cidade, unha serie de intervencións cofinanciadas con fondos Next Generation. A vindeira semana, os traballos chegarán ao barrio de Catro Camiños.
As actuacións iniciarán o mércores 5 de marzo na parada de autobús situada diante da igrexa de San Pedro de Mezonzo. A remodelación inclúe a ampliación da parada e da marquesiña para mellorar o servizo á cidadanía. Ademais, renovarase o pavimento da beirarrúa e reformaranse os pasos peonís da contorna para garantir unha maior seguridade e accesibilidade.
Co obxectivo de minimizar as afeccións ao servizo de transporte urbano, o Concello habilitará dúa paradas provisionais ao longo da rúa Fernando Rey para as liñas que se verán afectadas. As liñas 4, 5 e 20 realizarán a súa parada no cruzamento entre a rúa Fernando Rey e a rolda de Nelle. Pola súa parte, a liña 24 e a que conecta coa Universidade da Coruña disporán dunha parada provisional na altura do número 4 da rúa Fernando Rey.
A liña 12 manterá a súa parada habitual diante de San Pedro de Mezonzo durante a execución das obras. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que esta decisión, consensuada coa Compañía de Tranvías, é a máis axeitada debido ao percorrido desta liña pola rolda de Nelle. Ademais, a amplitude da parada permite compatibilizar temporalmente a súa utilización mentres avanzan os traballos de forma progresiva.
O Concello agradece a colaboración da cidadanía e pide desculpas polas posibles molestias ocasionadas polas obras, que buscan mellorar a accesibilidade e a comodidade das persoas usuarias do transporte público.