O Concello da Coruña avanza na declaración definitiva de Zona de Mercado Residencial Tensionado

ACoruñaXa
Os avances realizados e as novas propostas recolléronse durante a nova reunión da Mesa Sectorial de Vivenda
zona-tensionada-corunha
13 Jun 2025

O Goberno municipal da Coruña continúa dando pasos firmes cara á declaración definitiva da cidade como Zona de Mercado Residencial Tensionado. Tivo lugar unha nova reunión da Mesa Sectorial de Vivenda, presidida polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, na que se presentaron os avances realizados e se recolleron propostas para o plan de medidas que permitirá aplicar políticas públicas destinadas a regular o prezo do alugueiro na cidade.

Durante o encontro, Díaz Gallego destacou o compromiso do executivo local para facer fronte á crecente dificultade de acceso á vivenda. “O acceso á vivenda é a maior inquedanza da cidadanía e para o Goberno de Inés Rey é unha prioridade ofrecer aos coruñeses e coruñesas medidas inmediatas e efectivas como esta”, sinalou.

O plan de medidas, en fase de elaboración, será un documento clave para que a declaración da Coruña como zona tensionada poida facerse efectiva, permitindo así aplicar ferramentas que melloren a situación do mercado de alugueiro. Por iso, o Concello convocou os principais axentes implicados no ámbito residencial, técnico, empresarial e social para que poidan achegar as súas propostas e visións.

Na Mesa Sectorial de Vivenda participaron representantes de múltiples entidades e colexios profesionais, como Juan José Yáñez (Aproinco), Víctor González Jove (Apecco), Ruth Varela e Emilio Rodríguez Blanco (COAG), Roberto Pérez Manuel (Colexio de Aparelladores), Patricia Vérez Cotelo (Colexio da Propiedade Inmobiliaria), Teresa Suárez Agrasar (Colexio de Administradores de Fincas), Mª Luisa Varela e Mª Teresa Alvite (Federación de Asociacións de Veciños) ou Jaime Castiñeira (EMVSA), entre outros.

Tamén estiveron presentes representantes da Delegación do Goberno, da Confederación de Empresarios, de entidades como Agalín, Potenciemos, Provivienda, Fundación RAIS, Cruz Vermella, CASCO, ACCEM e Cáritas, conformando un espazo plural de diálogo e colaboración para a definición dun plan de actuacións que responda ás necesidades reais da cidadanía.

Con este proceso participativo, o Concello reafirma a súa vontade de actuar fronte á emerxencia habitacional, contando coa experiencia e o coñecemento de todos os sectores implicados.

⚙ Configurar cookies
0.15363788604736