O Concello da Coruña asumirá a xestión de Nostián e recuperará 8,3 millóns de Urbaser

ACoruñaXa
O Consorcio das Mariñas confirmaba que opta por que sexa a administración coruñesa a que asuma a xestión
apg_20250224_XGL_001
24 Feb 2025

O Concello da Coruña decide licitar unha nova concesión pata o tratamento de residuos en Nostián, tras a comunicación do Consorcio das Mariñas ao Concello. Confirmaba que os municipios que o integran optan por que sexa a administración coruñesa a que asuma a xestión en solitario da planta. A licitación da nova concesión para o tratamento de residuos  levarase a cabo no segundo semestre deste ano, tal e como trasladou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica do Concello da Corula, José Manuel Lage. Isto permite remitir á Oficina Nacional de Evaluación (ONE) os pregos do contrato para a súa supervisión, un paso fundamental para avanzar cara á licitación.

Ademais, a Xunta de Goberno local aprobou a renovación do convenio entre Albada-Urbaser e o Consorcio, garantindo que ata 2027 a tarifa por tonelada que pagará o Consorcio por usar a planta de Nostián será un euro inferior á establecida por Sogama. Con este acordo, os concellos integrados no Consorcio manteñen o seu compromiso coa planta coruñesa como centro de tratamento dos seus residuos.

Outro dos acordos destacados da sesión de hoxe foi o peche do litixio mantido entre o Concello e Urbaser, concesionaria da planta de Nostián, derivado da anulación xudicial dos acordos de 2011. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) determinou que o custo de tratamento dos residuos rexeitados debía ser asumido pola empresa concesionaria e non polo Concello, que entre 2011 e 2018 sufragou este sobrecusto.

Tras iniciar un procedemento administrativo en novembro de 2023 para reclamar a contía, o Concello chegou a un acordo extraxudicial con Urbaser, que abonará 8,3 millóns de euros. A medida evitará que a disputa continúe nos tribunais, garantindo o ingreso desta cantidade nas arcas municipais. Lage destacou a relevancia deste acordo, que permitirá destinar eses fondos a melloras e servizos para a cidade. "Este acordo pon fin a un conflito enquistado dende hai case quince anos e evita o risco de que, en caso de prolongar o procedemento xudicial, unha sentenza en contra dos intereses municipais puidese supoñer a perda deses ingresos", explicou.

Novo proceso de licitación para a recollida do lixo

Por outra banda, Lage tamén anunciou que o Concello deberá iniciar un novo proceso de licitación para a redacción dos pregos do contrato de recollida de lixo, despois de que a Xunta de Goberno local declarase deserto o concurso anterior. A decisión baséase en informes técnicos municipais que seguen os criterios do TSXG, o cal determinou en xuño de 2023 que a empresa adxudicataria, Prezero, non cumpría as condicións do contrato. Tampouco a segunda empresa que se presentou ao concurso reunía os requisitos esixidos, polo que se optou por poñer en marcha un novo proceso de contratación.

O Concello da Coruña espera que a nova licitación permita adecuar o servizo ás necesidades actuais da cidade, garantindo unha xestión máis eficiente dos residuos e unha maior optimización dos recursos públicos.

 

⚙ Configurar cookies
0.13703107833862