O Concello da Coruña aproba o proxecto definitivo do centro de saúde de Santa Lucía

O Goberno local da Coruña deu un paso clave na posta en marcha do novo centro de saúde de Santa Lucía coa aprobación do proxecto definitivo para a súa construción, unha demanda histórica do barrio da Falperra.
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, a alcaldesa Inés Rey destacou que se trata dunha actuación “para dotar o distrito dun equipamento tan agardado como necesario”. A rexedora lembrou que, “tal e como se informou no seu momento, cando se adxudicou o deseño e dirección de obra ao estudio Burgos & Garrido, Santa Lucía contará tamén cun novo centro cívico e tamén cun mercado de abastos, aproveitando a remodelación do edificio para darlle usos múltiples que entendemos fundamentais para a veciñanza”.
Segundo o proxecto, o mercado de abastos situarase no soto do edificio, mentres que entre o primeiro e o segundo andar localizaranse as instalacións do novo centro de saúde, que ocupará un 54 % da superficie útil. O equipamento incluirá áreas médica, pediátrica, da muller, así como espazos para administración, arquivo, persoal e usos comúns. Contará con consultas de medicina e enfermaría xeral, pediatría, matrona, unha sala de urxencias, sala polivalente e outra para toma de mostras, ademais de aseos e cambiadores.
Nas plantas superiores do inmoble estarán os espazos destinados ao futuro centro cívico, que disporá dunha nova sala polivalente, auditorio, sala de reunións, espazo de xestión de libros, almacéns e aseos.
Durante a súa intervención, Inés Rey quixo agradecer “a paciencia da cidadanía con esta cuestión porque somos conscientes de que esta demanda se enquistou no tempo desde hai máis dunha década. Proximamente, Santa Lucía será unha realidade e iso é froito da vontade de ambas as partes, tanto do Concello como da Xunta, de sentarnos á mesa para lle darmos resposta ás necesidades das coruñesas e dos coruñeses e atoparmos solucións afastándonos do ruído”.
A sinatura do convenio co Sergas, paso decisivo
A mediados de marzo, o Concello remitiu ao Sergas unha proposta de convenio de colaboración que define os compromisos de ambas administracións, cun investimento total previsto de 10,3 millóns de euros. Segundo explicou a alcaldesa, “hai uns días o Sergas remitiunos os últimos detalles que cómpre ter en conta co proxecto, detalles que non supoñen variación no convenio proposto. Agora agardamos que a Xunta sexa áxil e asine o convenio o antes posible para que poidamos licitar esta actuación, que suporá un revulsivo para o barrio non só polo edificio e os novos servizos, senón tamén pola recuperación urbana da contorna”.
O Concello comprométese a executar as obras e, unha vez finalizadas, cederá á Xunta o uso da parte do edificio correspondente ao centro de saúde durante 30 anos, prorrogables por outros 30. Tamén se recolle unha exención do IBI e a Xunta asumirá os custos de execución, mantemento e premios do concurso de proxectos.
Inés Rey sinalou que “entendemos que a sinatura deste convenio por parte da Xunta será case un formalismo, xa que a finais do mes pasado recibimos o informe técnico favorable da Consellería de Sanidade. Desta forma, resolvendo este trámite, avanzaremos xa cara á licitación das obras, paso previo á súa adxudicación e posta en marcha para que vexamos o centro de saúde de Santa Lucía, así como o centro cívico e o mercado de abastos, traducidos en feitos”.
Avances no convenio de Coruña Marítima
Na mesma sesión, tamén se aprobou o convenio interadministrativo que permitirá a licitación do máster-plan para a transformación do porto interior da Coruña. Segundo explicou Rey, este “é un paso fundamental para cumprir os compromisos establecidos pola Comisión Coruña Marítima e, desta forma, avanzar na recuperación da fachada portuaria da nosa cidade”.
O orzamento total ascende a 3,3 millóns de euros, dos cales o Concello achegará máis de medio millón ata 2027. Esta iniciativa está sendo deseñada coa participación cidadá a través dos obradoiros temáticos de Coruña Marítima e unha caixa dixital de suxestións.
As conclusións deste proceso presentaranse este venres 9 de maio no foro final que terá lugar no Espazo Avenida do Cantón Grande, ás 9.30 horas, con acceso libre ata completar aforo.