O Concello da Coruña aproba o convenio coa Xunta para rehabilitar Santa Lucía

ACoruñaXa
O edificio acollerá un novo centro de saúde —que substituirá ao de Federico Tapia—, un centro cívico e espazo para o mercado
corunha-hospital
4 Jun 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou que o último paso necesario para licitar as obras do centro de saúde e centro cívico de Santa Lucía acaba de completarse. Trátase da aprobación definitiva do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, que permitirá iniciar a rehabilitación do antigo mercado do barrio da Falperra.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, Rey sinalou que “unha demanda histórica do barrio da Falperra que, tras moitos anos, imos ver cumprida”. O Concello enviara o convenio á Xunta a comezos de maio e o Consello da Xunta autorizou a súa sinatura a pasada semana. Agora, coa validación municipal, queda aberto o camiño para licitar as obras por un importe superior aos 10,3 millóns de euros. “Isto amosa que, por fin, o novo Santa Lucía será unha realidade tras o acordo entre ambas as administracións. Cos trámites finalizados, as obras sairán moi pronto a licitación por un prezo total superior aos 10,3 millóns de euros, sendo o investimento máis importante realizado na Falperra en moitos anos”, explicou a rexedora.

O convenio define os compromisos de ambas institucións: o Concello achegará 4,7 millóns de euros e a Xunta, 5,5 millóns, distribuídos en tres anualidades. O edificio acollerá un novo centro de saúde —que substituirá ao de Federico Tapia—, un centro cívico e espazo para o mercado. O obxectivo é que os traballos rematen no ano 2027 e comecen este mesmo ano.

Será o Concello quen licite e execute as obras. Unha vez rematadas, cederalle á Xunta por 30 anos, prorrogables por outros 30, a parte do edificio destinada ao centro de saúde. A ordenanza fiscal tamén incluirá unha exención do IBI para este espazo sanitario. O mantemento das zonas comúns correrá a cargo da administración local, mentres que a Xunta asumirá os custos de execución e mantemento do centro de saúde, así como a súa parte proporcional no pago dos premios do concurso de proxectos.

Novidades no mercado de Monte Alto

A alcaldesa tamén informou da próxima saída a concurso de 13 postos baleiros no mercado municipal de Monte Alto. Esta licitación coincide coa recta final das obras de reforma, previstas para concluír a finais deste ano. “A nosa intención é que as persoas adxudicatarias comecen a súa actividade nos postos cun mercado con instalacións renovadas”, explicou Rey.

As concesións serán de 15 anos, prorrogables por outros 10, e a presentación de ofertas realizarase exclusivamente de forma electrónica a través da Plataforma de Contratación do Estado. As persoas interesadas disporán de 30 días hábiles desde a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Ademais, mantense a redución do 50 % do canon ás praceiras e praceiros do mercado de Monte Alto ata o remate das obras, previstas para decembro. “A previsión é que rematen no mes de decembro, polo que a redución do canon á metade seguirá vixente ata entón, mentres continúan a desenvolver a súa actividade no mercado provisional de Indalecio Prieto”, sinalou a alcaldesa.

Nova beirarrúa entre Feáns e o cemiterio

Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local tamén se aprobou o proxecto e a licitación das obras para construír unha nova beirarrúa que conectará o núcleo de Feáns co cemiterio. “Porque ao cemiterio é factible chegar no autobús urbano ou vehículo particular. Mais, a día de hoxe, ir camiñando desde a saída do núcleo de Feáns ata o cemiteiro só é posible facéndoo pola beiravía. Agora, ademais de gañarse espazos peonís, tamén se reforza a seguridade viaria, delimitando un percorrido específico para as persoas viandantes”, contextualizou Rey.

O investimento previsto para esta actuación é de 720.000 euros. Unha vez adxudicados os traballos, o prazo estimado de execución será de catro meses, aproveitando a marxe dereita da calzada en dirección ao cemiterio.

⚙ Configurar cookies
0.16677904129028