O Concello da Coruña aproba a construción do novo centro de día para ADACECO no barrio de Eirís
Este mércores, a alcaldesa, Inés Rey, presidiu a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde á construción do novo centro de día da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO) en Eirís. Esta decisión marca un paso crucial para atender as demandas da entidade e avanzar na súa mellora de servizos.
O Concello xa formalizara en agosto de 2019 a cesión dun terreo municipal á ADACECO, localizado na parcela núm. 45 do API R31 de Eirís, por un período de 75 anos. Posteriormente, en marzo deste ano, o Goberno local levou ao pleno a aprobación definitiva do estudo de detalle para o proxecto, que recibiu o apoio unánime.
Coa concesión da licenza agora aprobada, o Concello abre a porta á construción da nova edificación, que se situará entre as rúas Solís e Eirís de Arriba. O centro de día contará con planta baixa e dúas alturas, e ocupará unha parcela de case 2.000 metros cadrados.
Durante a sesión, tamén se revisaron as licenzas concedidas entre o 19 de xullo e o 1 de agosto, destacando 28 licenzas urbanísticas e 102 obras en réxime de comunicado.
Ademais, a Xunta de Goberno Local validou dúas novas licenzas para a Xunta de Galicia destinadas a melloras en centros educativos da cidade. A primeira licenza é para a renovación de fachadas e substitución de cuberta nas aulas do IES Ramón Otero Pedrayo, situado entre Monelos e Elviña. A segunda licenza destínase á renovación de cubertas, substitución de carpinterías e reparación de fachadas no IES Salvador de Madariaga, na Cidade Escolar. Estas actuacións son parte do compromiso do Concello co impulso das infraestruturas educativas da Coruña.