O Concello da Coruña apoia máis de cen iniciativas sociais e veciñais con 331.000 euros

O Concello da Coruña vén de resolver as convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva da Área de Benestar Social correspondentes ao exercicio 2025. En total, mobilízase un orzamento de 335.000 euros, dos que se concederon finalmente 331.005,31 euros para apoiar 121 proxectos de interese social vencellados á igualdade e á diversidade, ao movemento veciñal e ás entidades que traballan nos servizos sociais comunitarios.
A primeira das liñas, destinada a actividades e proxectos en materia de igualdade e diversidade, conta cunha dotación de 150.000 euros repartidos en dúas modalidades: fortalecemento e empoderamento do movemento asociativo (60.000 euros) e accións de prevención das violencias machistas, defensa dos dereitos das persoas LGTBQI e promoción da igualdade de xénero (90.000 euros). Presentáronse 48 solicitudes e resultaron beneficiarios 24 proxectos da Liña 1 e 21 da Liña 2, cun importe concedido de 147.569,03 euros e axudas que van de 829,07 a 6.753,87 euros.
A segunda convocatoria diríxese ás asociacións veciñais co fin de soster o seu funcionamento habitual e impulsar actividades de interese social, cívico e cultural nos barrios. Consta dunha partida global de 60.000 euros, dividida nunha liña para gastos de funcionamento (25.000 euros) e outra para programas, proxectos e actividades (35.000 euros). Presentáronse 32 entidades e outorgáronse axudas a 8 delas na Liña 1 e a 20 na Liña 2, cun reparto total de 59.988,28 euros. As contías sitúanse entre 647,00 e 6.171,72 euros na liña de funcionamento e entre 904,00 e 2.915,00 euros na de actividades.
A terceira liña corresponde ás subvencións para entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolven programas no ámbito dos servizos sociais comunitarios. Dispoñía dun crédito inicial de 125.000 euros e recibiu solicitudes de 48 entidades, todas elas finalmente beneficiarias. O importe concedido ascende a 123.448,00 euros, con axudas por proxecto que oscilan entre 990,00 e 3.503,00 euros en función dos criterios de valoración establecidos nas bases.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que estas tres convocatorias 'reafirman o compromiso do Concello co tecido asociativo coruñés e co terceiro sector, que moitas veces chegan onde a Administración non pode chegar'. Sinalou tamén que estas axudas son 'un instrumento fundamental da política social municipal, porque sosteñen iniciativas que loitan contra a exclusión, promoven a igualdade efectiva entre mulleres e homes, apoian a diversidade e fortalecen a participación activa da veciñanza na construción dunha Coruña máis xusta, coidadora e inclusiva'.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, puxo en valor o traballo realizado na planificación e xestión destas liñas. Segundo explicou, o obxectivo é que 'as entidades conten con marcos de financiamento estables, procedementos transparentes e obxectivos claros, de maneira que poidan concentrarse no máis importante: acompañar as persoas e mellorar a súa calidade de vida'.