O Concello da Coruña adxudica 46 prazas na Rede de Escolas Infantís Municipais

ACoruñaXa
As familias que obtiveron praza nesta convocatoria extraordinaria terán que formalizar a súa matrícula no centro correspondente o 29 ou 30 de xullo
material-escolar-colexio-educacion
Imaxe de arquivo
22 Xul 2024

O Concello da Coruña adxudicou 46 das 132 prazas ofertadas nunha convocatoria extraordinaria e que quedaran pendentes de cubrir no proceso ordinario de matriculación. As prazas ofertadas quedaran vacantes tras o proceso de reserva no que formaron parte as familias que xa estaban matriculadas no curso 2023/24.

Unha vez finalizado ese proceso, foron 132 as prazas que quedaron vacantes nas escolas Caracola, Agra do Orzán, Arela, Carricanta, Os Rosales, Luís Seoane, Monte Alto e Os Cativos.

A convocatoria extraordinaria dirixiuse a novos solicitantes. Coas solicitudes presentadas e a adxudicación levada a cabo, a escola infantil Luís Seoane pechou xa a súa oferta de prazas, completando o total das vacantes dispoñibles.

Por tramos de idade, son 61 as prazas vacantes para os nenos e nenas nadas no ano 2022, dúas prazas para as persoas solicitantes que nacesen no ano 2023 e 23 prazas para as persoas nadas no ano 2024. O número total de prazas ofertadas pola rede de escolas infantís municipais para o próximo curso 2024/25 é de 336.

As familias que obtiveron praza nesta convocatoria extraordinaria terán que formalizar a súa matrícula no centro correspondente o 29 ou 30 de xullo. A Rede de Escolas Infantís Municipais é totalmente gratuíta xa que o Concello da Coruña asume o custo íntegro das oito horas de atención educativa, horario ampliado o pasado ano 2023. Trátase dunha medida pioneira posta en marcha polo Goberno de Inés Rey no ano 2020 para o curso 2020/2021, co obxectivo de darlle apoio ás familias coruñesas, garantíndolle o acceso gratuíto aos nenos e nenas da Coruña na primeira etapa educativa de 0 a 3 anos. 1

0.18392491340637