O Concello da Coruña activa un operativo especial para facer fronte ao apagamento eléctrico

ACoruñaXa
A alcaldesa Inés Rey indica que se manterá aberta a rede de centros cívicos, aínda que sen actividades programadas
apagon-corunha
29 Apr 2025

O gabinete de crise creado polo Goberno municipal para afrontar as consecuencias da falla de subministro eléctrico na cidade reuniuse de novo esta noite para avaliar a situación xerada polo apagón. Seguindo a decisión anunciada pola Xunta de Galicia de suspender as clases nos centros educativos, o Concello non abrirá a súa rede de escolas infantís.

Con todo, tal e como indicou a alcaldesa, Inés Rey, manterase aberta a rede de centros cívicos, aínda que sen actividades programadas, así como o comedor social do centro Novoboandanza e o centro de atención continuada de Labañou.

A Policía Local continuará dobrando quendas e todos os servizos de emerxencias —Bombeiros e Protección Civil— seguirán en alerta para atender calquera eventualidade. Pola súa banda, María Rivas, subdelegada do Goberno, avanzou que a Policía Nacional triplicará os seus efectivos na rúa durante esta noite para garantir a seguridade. Durante a xornada de hoxe non se rexistraron incidencias salientables, tampouco en materia de tráfico. A Policía Local regula os principais cruces da cidade ante a falta de regulación semafórica.

Ao longo do día de hoxe, os servizos municipais axudaron a liberar a preto de 90 persoas atrapadas en ascensores. Ademais, colaboraron no traslado aos seus domicilios de máis de 30 persoas con mobilidade reducida.

Desde o Concello solicítase á cidadanía evitar desprazamentos innecesarios en vehículos privados e empregar o transporte público, que seguirá funcionando con normalidade. Tamén se pide non depositar lixo nas rúas debido ás limitacións no servizo de recollida, e moderar o consumo de auga para evitar problemas de subministro, especialmente nas zonas máis elevadas da cidade, onde se están a producir incidencias cos sistemas de bombeo.

⚙ Configurar cookies
0.14906597137451