O Concello da Coruña acometerá a restauración da Casa Picasso cun investimento de máis de 100.000 euros

ACoruñaXa
As obras no primeiro andar da Casa Picasso mellorarán a estrutura e restaurarán elementos orixinais, con remate previsto en tres meses
imaxe da casa museo pablo picasso
13 sep 2024

Nas próximas semanas, o Concello da Coruña iniciará obras de restauración no primeiro andar da Casa Picasso, situado na rúa Paio Gómez, dentro do barrio do Ensanche. Esta actuación forma parte do plan do Goberno municipal de Inés Rey para recuperar e poñer en valor os espazos patrimoniais e históricos da cidade, reforzando a súa imaxe como "cidade picassiana".

A Casa Picasso, construída en 1888, foi o fogar da familia Ruíz-Picasso entre 1891 e 1895, un período no que o mozo Pablo Picasso comezou a desenvolver o seu talento artístico. Actualmente, a vivenda do segundo andar é un museo que ofrece visitas guiadas de balde para dar a coñecer a vida e obra do pintor durante a súa estadía na Coruña.

A intervención centrarase na rehabilitación do primeiro andar, que está destinado a usos culturais e que servirá para ampliar a oferta de actividades no inmoble. "O obxectivo é renovar parte da estrutura para garantir a conservación óptima deste espazo emblemático", explicou a alcaldesa Inés Rey. As actuacións previstas inclúen a restauración das carpintarías interiores e a colocación de pavimento cerámico no aseo, seguindo o estilo orixinal do edificio.

Tamén se substituíran tabiques antigos por novas estruturas de madeira para mellorar a luminosidade do espazo, e realizaranse traballos nos falsos teitos e nas instalacións de fontanaría.

As obras, que serán realizadas pola empresa Citanias, están previstas para rematar nun prazo de tres meses. O orzamento destinado a esta intervención supera os 107.000 euros.

0.15985202789307