O Concello da Coruña achegará 6.000 euros á Feira de Emprego da UDC
O Concello da Coruña colabora neste 2024 coa Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais (ERLAC) na promoción do emprego da Coruña e a súa área. A alcaldesa, Inés Rey, e o director da ERLAC, Jesús Vázquez, asinaron un convenio de colaboración por importe de 6.000 euros para o apoio na organización da Feira de Emprego da Universidade da Coruña.
A Feira de Emprego é un evento anual que ten como obxectivo dinamizar a empregabilidade da mocidade coruñesa, facilitando o contacto coas empresas no proceso de busca de emprego. Nela lévanse a cabo diferentes actividades e obradoiros vinculados á inserción laboral. Ademais, cada ano participan arredor de 30 empresas e un cento de profesionais de diferentes sectores.
A alcaldesa destacou a actividade como impulso á sinerxia entre universidade e empresa, poñendo ao estudantado en contacto cos principais negocios da cidade ao tempo que as empresas dan a coñecer as competenecias máis demandadas. Ademais, os mozos e mozas poden adquirir ferramentas de busca de emprego a través de obradoiros e conferencias así como ampliar a rede de contactos de cara ás oportunidades laborais.
Neste ano 2024, o Goberno de Inés Rey recolle nos Orzamentos Municipais convenios nominativos por un importe preto do medio millón de euros con entidades vinculadas ao sector empresarial, turístico ou de comercio para a dinamización económica da Coruña.