O Concello da Coruña abre o prazo para solicitar bolsas ao deporte individual

ACoruñaXa
O obxectivo é apoiar o talento deportivo da cidade e facilitar a súa participación en adestramentos e competicións
palacio-deportes-corunha
16 Apr 2025

O Concello da Coruña abriu o prazo para solicitar as bolsas individuais destinadas a deportistas coruñeses, unha iniciativa promovida polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de apoiar o talento deportivo da cidade e facilitar a súa participación en adestramentos e competicións.

O programa, xestionado pola Concellería de Deportes, destinará un total de 120.000 euros a sufragar gastos como desprazamentos, licenzas federativas e equipamentos. “Apostamos por apoiar e promocionar o deporte da nosa cidade, desde as idades máis temperás ata os niveis máis altos de competición”, sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.

As axudas están dirixidas exclusivamente a deportistas federados en disciplinas individuais, con idades comprendidas entre os 10 e os 40 anos no momento do peche do prazo de solicitude. Ademais, as persoas aspirantes deberán contar coa nacionalidade española e estar empadroadas na Coruña durante, polo menos, dous anos nos últimos cinco, de forma consecutiva ou non.

Tamén se terán en conta criterios como o arraigamento persoal e profesional co municipio, valorándose aspectos como nacer na cidade, vivir ou adestrar regularmente nela, ou estar matriculado nun centro oficial de estudos coruñés.

As actividades susceptibles de apoio deberán terse desenvolvido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano. Para a distribución das bolsas, avaliarase a participación dos solicitantes en competicións de alto nivel como Campionatos do Mundo, de Europa, de España ou autonómicos, garantindo así que o apoio chegue a quen representa á cidade en ámbitos deportivos de relevancia.

O Concello reafirma con esta convocatoria o seu compromiso coa promoción do deporte como ferramenta de inclusión, desenvolvemento persoal e proxección da Coruña no panorama deportivo nacional e internacional.

⚙ Configurar cookies
0.12498116493225