O Concello da Coruña abre o prazo de inscrición para os campamentos deportivos de Nadal

O Concello da Coruña abre hoxe o prazo de preinscrición para participar nos Campamentos Deportivos de Nadal 2025-2026, unha proposta da Concellaría de Deportes que busca fomentar hábitos de vida saudables entre a rapazada e axudar ás familias na conciliación durante os días non lectivos.
A iniciativa está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2019. Terán prioridade as crianzas empadroadas no municipio da Coruña. En total ofértanse 144 prazas, repartidas en dúas quendas de 72 prazas cada unha: a primeira, do 22 ao 24 e o 26 de decembro de 2025; e a segunda, do 29 ao 31 de decembro de 2025 e o 2 de xaneiro de 2026.
As actividades desenvolveranse na Cidade Deportiva de Riazor e incluirán propostas variadas como atletismo, loita, defensa persoal, bádminton, xadrez, xogos acuáticos e actividades ao aire libre ou en contacto coa natureza, entre outras disciplinas. O horario xeral será de 09.00 a 14.00 horas, cun servizo ampliado de conciliación con entrada desde as 08.30 horas e saída ata as 14.30 horas, sen ningún custo adicional para as familias.
O proceso de solicitude consta de dúas fases. Na primeira, de preinscrición, as familias deberán cubrir un formulario dispoñible na web municipal de deportes. O prazo permanecerá aberto desde hoxe, 14 de novembro, ata o 18 de novembro de 2025 ás 23.59 horas. Unicamente se admitirá esta vía telemática, polo que non se recollerán peticións por correo, teléfono nin de maneira presencial nesta fase. No propio formulario, as persoas titoras poderán indicar a orde de preferencia entre as dúas quendas ofertadas.
Unha vez pechada a preinscrición, publicarase a listaxe coas prazas adxudicadas e abrirase a segunda fase, de formalización da matrícula, que deberá completarse entre o 27 de novembro e o 3 de decembro. Este trámite poderá realizarse en liña, a través da plataforma CronosWeb, ou de forma presencial na caixa do Palacio dos Deportes de Riazor, preferiblemente con cita previa.
Para que a inscrición sexa efectiva será necesario aboar a taxa correspondente e entregar a documentación requirida. As persoas que non completen a matrícula no prazo establecido perderán o dereito á praza, que se asignará ás solicitantes da lista de agarda.
O prezo por participar nunha quenda do campamento é de 35,04 euros por menor. As unidades familiares con ingresos por debaixo do IPREM anual poderán optar a unha bonificación do 50 %, de acordo coa ordenanza fiscal vixente.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, salientou o impacto social da programación: 'Estes campamentos non só facilitan o acceso ao deporte desde idades temperás, senón que tamén ofrecen unha ferramenta real para que as familias poidan organizarse durante as vacacións de Nadal. É unha resposta concreta ás necesidades da veciñanza coruñesa'.