O Concello da Coruña abre a licitación para contratar o servizo da Escola de Verán 2025

O Concello da Coruña, a través da Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC), abriu a licitación para contratar o servizo da Escola de Verán 2025, unha iniciativa destinada a fomentar hábitos de consumo responsable entre as crianzas e apoiar a conciliación das familias coruñesas durante o período estival. O orzamento estimado para a contratación é de 90.814,17 euros.
Este servizo público, impulsado polo Goberno de Inés Rey, reafirma o compromiso co benestar das familias coruñesas, promovendo a educación en valores de consumo sostible e igualdade, ademais de ofrecer un espazo lúdico e educativo para as crianzas durante o mes de xullo.
A Escola de Verán desenvolverase en instalacións municipais e contará cunha oferta de 100 prazas, máis 8 adicionais reservadas para menores con diversidade funcional. Está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos empadroados na Coruña e organizarase en dúas quendas: do 1 ao 15 de xullo e do 16 ao 31 de xullo. Os grupos estarán distribuídos por idades para garantir unha mellor adaptación ás actividades.
A programación incluirá obradoiros, actividades de estimulación, xogos dirixidos e saídas guiadas, todo cun enfoque educativo e de sensibilización sobre os dereitos das persoas consumidoras. O principal obxectivo é inculcar desde a infancia hábitos de consumo responsable e solidario, promovendo un espírito crítico e a aprendizaxe a través do xogo.
Estas actividades permitirán que as crianzas coñezan iniciativas locais relacionadas co consumo responsable. Para facilitar os desprazamentos, o servizo contará con autobuses que trasladarán os/as participantes desde as instalacións municipais ata os puntos de visita, garantindo un transporte seguro e adecuado.
A Escola de Verán contará cun equipo de monitores e monitoras especializadas, que garantirán o benestar e a seguridade das e dos participantes. As prazas serán prioritarias para as familias con necesidades de conciliación, dando preferencia a aquelas nas que os dous proxenitores estean traballando ou a familias monoparentais con ocupación laboral activa.
“A Escola de Verán é un exemplo máis do noso compromiso co benestar das familias coruñesas. Queremos que as crianzas aprendan valores fundamentais mentres as súas familias conte cun apoio esencial durante o verán”, sinalou Diana Cabanas, concelleira de Turismo, Comercio e Hostalaría.
O Concello da Coruña anima a todas as familias interesadas a estar atentas ás futuras convocatorias de inscrición, que serán debidamente anunciadas a través das canles oficiais. Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á OMIC da Coruña ou consultar a páxina web do Concello.