O Concello da Coruña abre a inscrición para a convocatoria de 48 prazas de emprego público

O Concello da Coruña abre o prazo para a presentación de solicitudes co obxectivo de cubrir 48 prazas na Administración municipal, segundo se establece nas resolucións publicadas no Boletín Oficial do Estado. O proceso desenvolverase conforme ás bases publicadas previamente no Boletín Oficial da Provincia e forma parte do compromiso do Goberno local para reforzar os servizos públicos e consolidar o emprego na Administración.
As prazas ofertadas distribúense do seguinte xeito: once prazas para subalterno ou subalterna na Administración Xeral, vinte e catro prazas para auxiliar administrativo ou administrativa e trece prazas para administrativo ou administrativa, todas elas de acceso mediante oposición en quenda libre. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Os sucesivos anuncios sobre o proceso selectivo publicaranse segundo o establecido nas bases da convocatoria.
Esta iniciativa responde á aposta do Goberno municipal por fortalecer os servizos municipais e incrementar os recursos humanos da Administración para garantir unha atención á cidadanía máis áxil e eficiente. O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, destacou que este proceso permitirá mellorar a capacidade de resposta da Administración e asegurar un servizo público de calidade.