O Concello comeza os traballos para erguer a duna de Riazor, que superará os dous metros de altura

ACoruñaXa
A estrutura de area funcionará como barreira natural contra os temporais do inverno e permanecerá na praia ata mediados de maio
Imaxe da duna da praia de Riazor
Imaxe de 2024
27 Oct 2025

O Concello da Coruña iniciará o 27 de outubro os traballos para levantar na praia de Riazor a duna de area que servirá de protección do Paseo Marítimo fronte aos temporais costeiros da próxima tempada invernal. A actuación busca reducir o impacto das fortes ondadas no tráfico e nos elementos urbanos situados xunto ao litoral.

Os labores desenvolveranse ao longo da semana mediante maquinaria especializada da empresa concesionaria do servizo. A duna, que superará os dous metros de altura, situarase na zona intermedia do areal, mantendo unha franxa de separación de seguridade respecto ao Paseo Marítimo. O obxectivo é crear unha barreira física que evite o arrastre directo de area e a entrada de auga e restos ás vías máis próximas ao mar.

Unha vez instalada a duna, o persoal de Medio Ambiente municipal realizará seguimentos periódicos para avaliar o seu estado e decidir, se fose preciso, reforzos puntuais en función da evolución dos temporais e dos avisos costeiros. Esta vixilancia continuará durante toda a época de maior risco de fenómenos adversos no Golfo Ártabro.

A previsión municipal é manter a duna de protección en Riazor ata mediados de maio do próximo ano. Nese momento retirarase co fin de acondicionar as praias para a tempada de baño, que comezará o 15 de xuño de 2026, deixando o areal en condicións de uso recreativo.

A duna de Riazor instalouse por primeira vez no ano 1995, despois dun forte temporal que provocou a caída da antiga balaustrada do Paseo Marítimo no tramo fronte á praia. Dende entón replicouse este sistema de defensa como medida preventiva fronte a episodios meteorolóxicos adversos, que se chegan a producir entre unha e tres veces ao ano de media na fachada atlántica da cidade.

O Concello sinala que este dispositivo de protección de area, ademais de ter un custo e un impacto ambiental menores ca outras solucións ríxidas, permite unha resposta flexible e adaptada á forza do mar en cada inverno, e forma parte das actuacións planificadas de conservación do litoral urbano da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.071555852890015