O Concello aproba as bases de admisión nas escolas infantís municipais para o vindeiro curso

ACoruñaXa
Os cativos escolarizados na Rede de Escolas Infantís Municipais terán dereito a renovar a praza na súa escola
Imaxe da Escola Infantil Municipal Os cativos na Coruña
20 Mar 2024

Na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores no Concello da Coruña deuse luz verde ás bases reguladoras do proceso de admisión na Rede de Escolas Infantís Municipais de cara ao vindeiro curso, o 2024-25 (REIM).

Como xa é habitual, as e os menores escolarizados na REIM terán dereito a renovar a praza na súa escola. Por outra banda, poderá solicitarse reserva de praza noutra escola da Rede cando existan prazas baleiras nesta, sempre que se cumpra o requisito anterior e se teña unha ou un irmán escolarizado na escola solicitada. “Desta forma, facilitamos o reagrupamento de irmáns na mesma unidade escolar”, apuntou Inés Rey.

No referido a novos ingresos, entre as solicitudes de prazas terán preferencia as nenas e nenos que xa conten cunha irmá ou irmán escolarizado na REIM, e tamén se atenderán casos de urxencia social. É dicir: menores tutelados ou en situación de garda por parte da Xunta, fillos e fillas de mulleres que estean en centros de acollida ou sexan vítimas de violencia de xénero, e menores que se atopen nun contexto sociofamiliar de risco social e requiran dunha intervención inmediata.

Valoración dos factores sociofamiliares, sociolaborais e económicos

Os criterios de baremación atenderán a factores sociofamiliares (puntuando máis os casos de irmáns solicitando praza simultaneamente, e tamén os menores solicitantes cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou recoñecido un grao de valoración de su situación de dependencia); tamén a factores sociolaborais, atendendo ao grao de impedimento á hora de atender as e os pequenos polas ocupacións laborais dos proxenitores; e tamén a factores económicos, tomando como referencia a renda familiar. “Ademais, tamén puntúa máis a condición de familia monoparental traballando ou con impedimento acreditado para a atención da nena ou neno”, agregou a alcaldesa.

Cómpre lembrar que o Concello sufragará novamente o custo íntegro das oito horas de atención educativa. Desta forma, o Goberno municipal daralle continuidade á gratuidade das escolas infantís, unha iniciativa posta en marcha no pasado mandato e coa que o Concello da Coruña foi pioneiro en Galicia.

No caso dos servizos complementarios (almorzo, comedor, merenda, horario ampliado), as persoas usuarias deberán aboar as tarifas fixadas pola Xunta de Goberno Local.

O prazo para presentar as solicitudes abrirase a partir do día seguinte á publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Toda a información estará dispoñible, a partir de entón, nas canles oficiais do Concello e a través do 010.

0.19017791748047