O comité de Industrias Losán convoca dúas concentracións para esixir unha saída 'urxente' que asegure futuro e emprego


O comité de empresa de Industrias Losán acordou convocar dúas novas mobilizacións co obxectivo de reclamar unha solución 'urxente' que garanta a continuidade industrial do grupo, a defensa dos postos de traballo e a asunción de responsabilidades por parte das administracións públicas implicadas.
A representación do persoal enmarca esta decisión nun escenario que cualifica de extrema gravidade, pola falta de avances reais, a incerteza sobre o futuro das fábricas e a ausencia de compromisos firmes que permitan asegurar a viabilidade do proxecto industrial e o mantemento do emprego, especialmente nunha comarca que (segundo sinalan) xa vén soportando un forte impacto social e laboral.
As concentracións convocadas serán o xoves 5 de febreiro, ás 12.00 horas, diante da Delegación do Goberno en Galiza, na Praza de Ourense da Coruña, e o xoves 12 de febreiro, tamén ás 12.00 horas, no complexo administrativo da Xunta en San Caetano, na rúa Anxo Casal, en Santiago de Compostela.
O comité fai un chamamento á participación do conxunto do persoal, das organizacións sociais e da veciñanza para visibilizar un conflito que, ao seu xuízo, 'non é só laboral, senón tamén industrial e territorial'. A representación dos traballadores lembra ademais que Losán 'representa centos de empregos directos e indirectos' e que recibiu recursos públicos que, din, deben estar vinculados de maneira efectiva á conservación da actividade produtiva e do emprego.
Así mesmo, o comité insiste en que non se pode prolongar unha situación de bloqueo e apela á responsabilidade das administracións para que se impliquen de forma activa e esixan solucións empresariais 'reais' que garantan un futuro estábel para as fábricas e para o persoal. A representación laboral advirte de que continuará promovendo mobilizacións e iniciativas ata obter respostas claras e compromisos verificábeis.