O cómico Lamine Thior estrea hoxe no Ágora o seu show ‘Españul’
O Centro Sociocultural Ágora acolle este venres (20.00 horas) a estrea na Coruña do show humorístico Españul, interpretado polo actor e cómico Lamine Thior, nado en Senegal e criado en Andalucía.
No espectáculo de mañá, que terá formato de monólogo, Thior abordará unha viaxe de 5.000 quilómetros na que revive as súas orixes no continente africano e a súa infancia en Alxeciras, achegando vivencias nas que, a través do sarcasmo, convidará a todas e a todos a reflexionar sobre os prexuízos raciais latentes na sociedade actual.
Parte destas vivencias orbitan, por exemplo, arredor dos contrastes culturais cos seus amigos de infancia, tamén na peculiar relación que mantén coa súa nai, así como a súa primeira toma de consciencia da existencia do racismo; historias cun marcado fondo social que sempre rematan con finais sorprendentes e rocambolescos, que acentúan o carácter humorístico do show de mañá, que terá unha duración aproximada de hora e media.
Será, en definitiva, unha experiencia única na que Thior deixará momentos de reflexión e unha mensaxe interna moi poderosa de superación e de derruba de barreiras, nunha cita aberta ao público na que as risas están aseguradas.
O Concello colabora coa oenegué Viraventos na organización do evento previsto este venres 12 de xullo, con acceso de balde ao auditorio do Ágora ata completar a capacidade prevista.