O comercio da Coruña sae á rúa para reclamar salarios dignos e frear o convenio estatal

ACoruñaXa
A manifestación convocada para este domingo 15 de marzo partirá da Praza de Lugo ás 12.00 horas para esixir a renovación do convenio provincial e rexeitar o marco que impulsa a patronal ARTE
A CORUÑA folga comercio
12 Mar 2026

As traballadoras e os traballadores do comercio vario da Coruña están chamados a mobilizarse este domingo 15 de marzo nunha manifestación coa que pretenden reclamar melloras salariais e laborais, ao tempo que amosan o seu rexeitamento ao convenio colectivo estatal que promove a patronal ARTE para o comercio téxtil.

A protesta, convocada para as 12.00 horas, sairá da Praza de Lugo e rematará na contorna de Porta Real. A mobilización chega nun momento de bloqueo da negociación provincial, xa que o convenio colectivo do sector na Coruña rematou o pasado 31 de decembro de 2025 e, segundo denuncia a CIG-Servizos, dende aquela o persoal permanece cos soldos e cos dereitos conxelados.

Dende o sindicato acusan á patronal provincial de negarse a atender as peticións para constituír a mesa negociadora e abordar a renovación do convenio. Ao mesmo tempo, sitúan este bloqueo no contexto das conversas abertas en Madrid pola patronal ARTE.

Segundo advirten dende a representación sindical, o obxectivo deste novo marco estatal pasa por fixar unhas condicións inferiores ás que recolle actualmente o convenio provincial coruñés. A delegada da CIG Lucía Domínguez sostén que a súa aplicación suporía 'un retroceso de 20 anos nos dereitos que temos conquistados'.

A central sindical tamén censura que as patronais galegas rexeitasen a proposta formulada pola CIG para pactar un marco galego que protexese os convenios provinciais fronte á negociación estatal e evitase a aplicación en Galicia de condicións inferiores ás que se puidesen asinar en Madrid.

A preocupación do sector vai máis alá das grandes cadeas téxtiles. Dende a CIG alertan de que, se o convenio estatal de ARTE sae adiante, tamén se vería prexudicado o resto do comercio vario, mesmo aquel que non pertence ás grandes multinacionais da moda. Ao seu xuízo, esa situación dificultaría a negociación do convenio provincial ata poñer en risco a súa continuidade.

Lucía Domínguez considera que detrás desta estratexia hai unha intención clara de debilitar e deixar morrer o convenio da provincia. Por iso, fai un chamamento á participación na protesta deste domingo para defender unha negociación colectiva próxima e unhas condicións laborais e salariais dignas nun sector moi feminizado, marcado por unha elevada parcialidade e no que, lembra, as traballadoras xa demostraron unha forte capacidade de organización e loita.

0.1173038482666