O Colón acollerá ‘Nortear’ na celebración do Día Mundial do Teatro

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña programa para o 26 de marzo unha montaxe de Columna Balteira que combina escena, pensamento crítico e medidas de accesibilidade para todos os públicos
DEPU CORU dia do teatro 2026
22 Mar 2026

A Deputación da Coruña celebrará o Día Mundial do Teatro coa representación de ‘Nortear’, unha produción de Columna Balteira dirixida e escrita por Helena Salgueiro que chegará ao Teatro Colón o vindeiro 26 de marzo ás 20.00 horas. As entradas para asistir ao espectáculo xa están á venda, con prezos que van dos catro aos oito euros.

A proposta escénica mergulla o público nun universo no que se entrelazan o espectral e o real, o político e o mítico, así como o onírico e o misterioso. A obra presenta un grupo de mulleres que habita un espazo baleiro do Norte, un non-lugar no que os corpos transitan e traballan de maneira constante na procura dun punto onde poder ancorarse.

A partir desa idea de partida, ‘Nortear’ afonda en cuestións como o ecofeminismo e a memoria dos saberes tradicionais nun contexto marcado polo colapso climático. A montaxe propón así unha reflexión escénica que vai máis alá da representación teatral e que conecta coa realidade social e ambiental contemporánea.

A función terá unha duración de 80 minutos e estará acompañada dunha proposta de mediación cultural vinculada á estrea. Ao remate da representación celebrarase o coloquio posfunción ‘Nortear [decolonizar, imaxinar]’, no que participarán Xavier de Pablo, do Instituto Clara Corbelhe, integrantes do equipo artístico e unha das informantes do traballo de campo.

Outro dos aspectos destacados da cita é a súa aposta pola accesibilidade. O espectáculo contará con sistema de subtitulado e audiodescrición, co obxectivo de facilitar o acceso e o desfrute da obra a todos os públicos.

0.12936806678772