O Coliseum reunirá a máis de 700 competidores na XX Copa Cidade da Coruña de taekwondo

ACoruñaXa
A cita, con entrada de balde, celebrarase os días 14 e 15 de febreiro e atraerá clubs de toda España e tamén de Portugal, con probas desde infantil ata máster
taekwondo-coruña
11 Feb 2026

A Coruña converterase esta fin de semana nun gran tatami. O Coliseum acollerá a XX edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo, unha das probas máis consolidadas do calendario estatal, que reunirá máis de 700 deportistas chegados de distintos puntos de España e tamén de Portugal.

Ao longo da competición haberá delegacións de comunidades como Madrid, Castela e León, Cataluña, Valencia, Canarias e Baleares, que se incorpora este ano con varios clubs, ademais da representación portuguesa. A organización corre a cargo do Concello da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e a Escola de Taekwondo Garrapucho.

A copa servirá como clasificatorio galego para os campionatos estatais de cada categoría e, no caso da modalidade Máster, será puntuable para o ránking nacional, polo que os resultados poden influír no camiño cara ao Mundial e ao Europeo.

As categorías que entrarán en liza serán infantil, precadete, cadete, júnior, sénior e máster (1, 2 e 3). A actividade concentrarase o sábado 14, mentres que a categoría cadete competirá o domingo 15.

A entrada ao Coliseum será gratuíta ata completar capacidade. O sábado está previsto competir de 9.00 a 13.30 e de 15.30 a 20.00 horas, mentres que o domingo as probas comezarán a partir das 9.00 horas.

O evento mobilizará máis de 150 persoas na súa organización e manterá tamén o seu carácter solidario, coa recollida de alimentos non perecedoiros destinados á Cociña Económica, tanto por parte dos participantes como do público.

⚙ Configurar cookies
0.077863931655884