O Coliseum da Coruña acolle este venres o Festival Intercentros 2024

ACoruñaXa
Artistas de distintos centros escolares da cidade actuarán este venres a beneficio da asociación ENKI e a Cociña Económica
Presentación do Festival Intercentros no Fnac da Coruña
14 Mar 2024

Este mércores pola tarde o FNAC da Coruña acolleu a presentación do XXII Festival Intercentros, que se celebrará este venres no Coliseum. Ao acto asistiron algúns dos novos artistas de distintos centros escolares que o venres actuarán a beneficio da asociación ENKI e a Cociña Económica e o concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego.

O edil subliñou a súa satisfacción por seguir apoiando desde o Goberno local un evento que aúna o talento de mozos e mozas coa solidariedade. “É magnífico ver como se enche cada ano o Coliseum para aplaudir o esforzo dos músicos e bailaríns que levan traballando todo o curso cos seus profesores”, destacou Borrego, quen animou a todo o mundo a achegarse o venres ao Coliseum a gozar da calidade das actuacións e sumarse a unha boa causa.

A gala do venres, que comezará ás 17.00 horas, ofrecerá 43 actuacións a cargo de tres escolas de música, sete academias de danza e 13 centros escolares da cidade, dentro das tres categorías de grupos en directo, canción e coreografías.

0.16762089729309