O Coliseum da Coruña acolle a 37ª edición do Trofeo Miguelito, a gran cita do judo base en Galicia

GaliciaXa | ACoruñaXa
A competición reunirá a 3.000 nenos e nenas procedentes de 76 escolas de judo
trofeo-miguelito
31 May 2025

A Coruña converterase este domingo 2 de xuño no epicentro do judo base a nivel estatal coa celebración da 37ª edición do Trofeo Miguelito no Coliseum. A histórica competición, organizada pola Federación Galega de Judo en colaboración co Concello da Coruña, reunirá a 3.000 nenos e nenas procedentes de 76 escolas de judo, consolidándose como o evento máis multitudinario da disciplina nas categorías de formación.

Ao longo da xornada, estímase que arredor de 16.000 persoas pasen polas bancadas do recinto, que acollerá catro quendas de competición con comezos escalonados: ás 9.15, 10:15, 11.15 e 12.15 horas.

O Trofeo Miguelito é moito máis ca unha cita deportiva: é un referente social e formativo, recoñecido tamén a nivel internacional, con torneos europeos que replican a súa metodoloxía. Un dos seus sinais de identidade é a inclusión: desde os seus inicios conta cunha modalidade técnica adaptada por parellas, na que participan judokas con diversidade funcional.

A competición leva o nome de Miguel Ángel López Pérez, un mozo judoka coruñés falecido aos 19 anos, a quen se lle rende homenaxe nesta cita anual que, ademais, promove a práctica do judo entre a mocidade.

“O apoio a grandes eventos deportivos como este é clave, especialmente cando falamos dunha referencia tan importante para o deporte base como é o Trofeo Miguelito”, destacou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, en representación do Goberno municipal que lidera Inés Rey.

Desde 1989, o Trofeo Miguelito vén formando xeracións de deportistas e transmitindo valores como o respecto, a superación e a inclusión, facendo da Coruña un exemplo na promoción do deporte base.

⚙ Configurar cookies
0.080442905426025