O Coliseum abrirá as portas aos afeccionados do Básquet Coruña para ver o derbi contra o Breogán

ACoruñaXa
O partido retransmitirase no videomarcador central do Coliseum con entrada de balde
Imaxe Coliseum da Coruña
3 Jan 2025

O Concello da Coruña abre o Coliseum o vindeiro domingo 12 de xaneiro para que os afeccionados do Leyma Básquet Coruña poidan desfrutar do derbi contra o Leite Río Breogán. Este encontro, que se xogará no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo, será o primeiro derbi galego da tempada na máxima categoría do baloncesto nacional, a Liga Endesa.

O Concello tomou esta decisión tras constatar a alta demanda de entradas no Pazo de Lugo, que conta cunha capacidade limitada a 5.310 espectadores, practicamente cuberta polos máis de 5.000 socios do equipo lucense. Ante esta situación, e co obxectivo de apoiar os siareiros do equipo laranxa, o Concello ofrecerá a retransmisión en directo do partido no videomarcador central do Coliseum.

As portas do recinto abriranse ás 12:00 para facilitar o acceso ordenado do público, e a retransmisión dará comezo ás 12:30. A entrada será totalmente gratuíta e aberta ao público xeral, ata completar o aforo previsto.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, salientou que esta iniciativa forma parte do compromiso do Goberno de Inés Rey co deporte local, destacando o apoio ao Leyma Básquet Coruña neste histórico primeiro ano na Liga ACB. Ademais, lembrou as recentes melloras realizadas no Coliseum, que incluíron a instalación dun novo videomarcador, un parqué renovado e un sistema de iluminación axustado ás esixencias da Liga Endesa.

"A intención é que todos os siareiros poidan vivir a emoción deste derbi nun espazo cómodo e seguro", explicou Castro, quen animou á veciñanza a sumarse a este evento que une deporte e comunidade.

0.16151118278503